Select Page

Unha invitación a participar dun imaxinario compartido

Descubre a fauna e flora dende o punto de vista dos propios animais

Vive a historia e os segredos arqueolóxicos das illas

Participa dun mundo máxico inspirado no noso folclore

O noso folclore está feito de múltiples capas, como os sedimentos que forman o solo. Algunhas delas probablemente teñen unha orixe prerromana, quizais incluso neolítica. Como as vellas pedras dos castros, eses materiais foron constantemente reciclados, mesturados, reinventados e adaptados aos gustos de cada época e de cada audiencia. Na Idade Media, as rutas xacobeas trouxeron novas modas: a Chanson de Roland e os ciclos artúricos esfareláronse en contos enraizados na paisaxe. Neste chan fértil, a poboación das nosas bisbarras compuxo as súas propias lendas sobre os antigos habitantes dos castros e a súa loita con cabaleiros de resoancias medievais. Máis tarde, os expertos en heráldica, no seu degoiro por brindar aos fidalgos historias épicas das que pendurar os seus escudos, remexeron nos arquivos medievais e completaron con fantasía e referencias mitolóxicas o avoengo destas novas liñaxes. A estas historias se sumaron relatos de orixe culta e especulaciones de eruditos, e todo este material volveu ao pobo, como do pobo agromaran as fábulas logo codificadas como obras literarias e romances escritos. Os relatos dos pescadores, dos viaxeiros, das avoas aos netos, das noites de fiadeira e dos contacontos de lareira adornáronse con esas influencias, transformáronse e deron lugar a novos motivos, máis tarde cultivados coa lingua vacilante das capas ilustradas do Rexurdimento, que os leigaron a escritores máis recentes como Ferrín, Cunqueiro, Xohán Cabana… os cales souberon combinar os vellos temas coa súa propia voz literaria. E iso, en suma, é o folclore: unha corrente subterránea que abrolla en fontes ou se remansa en lagoas estacionais, que recolle a auga quer dos infindos bicos da choiva, quer de pequenos regueiros, quer de ríos con nome… pero que, á fin, sempre discorre e nos fai a todos e todas os seus tributarios e deudores.

Nesa idea, de que o folclore non é -non debe ser- un corpus pechado ou unha ruina inerte, como tampouco o é a lingua, fúndase a filosofía deste proxecto. Por iso Illas das marabillas, que dende a súa propia concepción como xogo interpela á participación, é tamén nunha invitación a prolongar eses túneles subterráneos cara a Mourindade compartida onde conservamos os nosos tesouros.

Galego