Select Page

Presentación

Un xogo de rol inspirado nas Illas Atlánticas de Galicia

Descubre a fauna e flora dende o punto de vista dos propios animais

Vive a historia e os segredos arqueolóxicos das illas

Participa dun mundo máxico inspirado no noso folclore

Axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Que é Illas das Marabillas?

Illas das Marabillas é un xogo de mesa colaborativo ambientado no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. 

O xogo ten catro versións: Illas Cíes, Illa de Ons, Illa de Sálvora e Illa de Cortegada. Cada unha destas versións ten un taboleiro diferente e distintos personaxes, pero todos eles comparten un regulamento e un trasfondo común. 

En cada arquipélago, os xogadores e xogadoras poden elixir o seu personaxe entre dous tipos de seres máxicos, inspirados no folclore das illas e das rías nas que se atopan. Cada un deles está especialmente adaptado a un ecosistema, ten unhas características físicas (tamaño, velocidade e axilidade nos distintos tipos de terreos ou no mar) e determinadas especies de animais coas  que ten unha relación de amizade.

O obxectivo do xogo

O obxectivo das partidas é localizar sete antigas moedas perdidas na zona mariña e na zona terrestre das Illas. Un dos participantes no xogo asumirá o rol de Director ou Directora de Xogo (DX), e irá presentando aos demáis, a medida que percorran o taboleiro, todo tipo de tesouros ou ameazas inspiradas na natureza, historia e lendas que rodean este territorio.  O DX tamén dará información sobre a meteoroloxía e as mareas, que teñen repercusións na mecánica das partidas; e poderá someter aos xogadores e xogadoras a preguntas ou probas a cambio de outorgarlles pistas e dons que lles axuden na súa misión de atopar as moedas perdidas.

Así, os xogadores e xogadoras (referidos no regulamento como PX, Persoas Xogadoras ou Personaxes dos Xogadores) poderán acceder a recunchos que en moitos casos están vedados aos seres humanos. Polo seu propio pé, ou a lombos de distintas especies de animais terrestres, acuáticos e voadores, descubrirán a vida tinxida de verdes e azuis dos fondos mariños, ascenderán coas gaivotas xunto ás formidables paredes de rocha ata os ceos onde voa o vento que ouvea nas furnas costeiras, e correrán sobre as rochas, praias, toxeiras e uceiras ata o corazón segredo das fragas. O farán adoptando o punto de vista de insectos e aves, mamíferos, reptís, anfibios e especies mariñas; coa mirada máxica propia das xentes da mourindade, esa que permite albiscar monstros e outros seres fantásticos invisibles aos ollos humanos.

Un xogo aberto

Se ben Illas das Marabillas pode definirse como xogo de rol de taboleiro, dende o punto de vista do regulamento e as posibilidades que ofrece encaixa no que se coñece no mundo dos xogos de mesa e dixitais como un sandbox, é dicir, un trasfondo cun set de ferramentas a partir das cales as persoas implicadas poden desenvolver a súa forma de xogar cunha gran flexibilidade. Alén do regulamento básico, que pode ser completado ou modificado con total liberdade, nesta web publicaranse propostas sobre como levar a cabo adaptacións ou extensións do xogo, incluídas ideas para o seu emprego nas aulas e a organización de macropartidas xuntando taboleiros de distintos arquipélagos. Tamén se poderá atopar información sobre o trasfondo e fichas de fauna, flora, novos seres máxicos e elementos que poiden servir de equipamento para os personaxes. 

A filosofía de base e que, na medida en que se inspira nun patrimonio compartido, Illas das Marabillas pertence tamén ás persoas que queren profundar nos seus segredos. Por iso, todas elas están invitadas a completar o repertorio de plantas, personaxes e animais que poboan estes arquipélagos, tanto no plano do seu patrimonio físico e tanxible, que debe ser respectado e recollido coa maior fidelidade posible, como a nivel do imaxinario das lendas e o folclore propio das illas e zonas circundantes, no que as novas xeracións, como suxeitos partícipes dunha cultura que lles é propia, poden ser parte activa e (re)creativa.

Unha colección de 4 xogos

Illas das marabillas é unha colección de 4 xogos, cada unha centrada nun arquipélago do Parque Nacional, con un taboleiro distinto, que poden funcionar tanto de xeito autónomo, en partidas restrinxidas a un só arquipélago, como combinado en macropartidas

De 2 a 5 xogadores por taboleiro

As macropartidas que empreguen varios taboleiros ao mesmo tempo poden albergar un maior número de participantes, que poden viaxar entre as illas.

Partidas de duración axustable

As partidas poden durar de entre 1 hora a varias sesións. Grazas ao sistema de quendas é posible apuntar o estado da partida para retomala noutro momento.

Para todas as idades a partir de 12 anos

O xogo pode ser empregado cun maior ou un menor nivel de complexidade, en función da madurez e os intereses dos xogadores e xogadoras. O Director ou Directora do xogo pode deseñar partidas máis “superificiais” ou máis “serias”, pode adaptar o xogo para participantes máis “casuais” ou más “veteráns” dos xogos de rol.

Adaptable para o seu uso na ESO

O xogo está especialmente pensado para poder vehicular contidos curriculares durante as partidas. En moitos momentos do xogo é posible incorporar preguntas (“enigmas”) que os xogadores e xogadoras deben respostar para obter premios ou evitar penalizacións.

Contén un mapa das rutas nas Illas

O reverso do taboleiro inclúe un mapa coas rutas de sendeirismo e zonas de interese das illas. Grazas ao material en que está fabricado, unha lona flexible, enrolable e resistente á auga, pode levarse nas visitas ás illas.

Tipos de seres máxicos xogables

Tipos de seres máxicos non xogables

Monstros

Especies de aves

Especies de animais mariños

Especies de invertebrados terrestres

Especies de anfibios

Especies de reptís

Especies de mamíferos

Aparición en medios

Artigo en Atlántico Diario

Artigo en Pontevedra Viva

Artigo en La Voz de Galicia

Galego