Seres máxicos de Cortegada

Os canouros de Cortegada

O canouro é un ser misterioso, do que hai abundantes referencias no folclore galego, pero poucas descricións. Algúns estudosos pensan que se trata dalgunha especie de can diabólico. Outros, dun humanoide que habita os bosques, os campos e as augas. Ás veces fálase del en plural, coma se máis que un personaxe fosen unha tipoloxía de seres. En xeral, descríbense como seres malignos e temidos, asociados coa espesura das fragas.

No xogo, os canouros son un pobo primitivo de trasnos que habita o interior de Cortegada. Teñen a pel verdosa e, como o busgoso e a xente cativa, en tempos recentes atoparon refuxio na foresta da pequena illa, onde viven da captura de paxaros e pequenos mamíferos coas súas lanzas de punta de pedra. Os canouros sempre tiveron unha relación difícil cos busgosos, con quen durante milenios se disputaron o control das fragas. Esta rivalidade a trouxeron á súa nova morada, de xeito que o seu obxectivo é acabar co busgoso, os carcamáns e a xente cativa, aínda que a estes últimos prefiren secuestralos primeiro para que os leven ata o busgoso. Como eles mesmos non saben seguir o rastro das formigas, os canouros sempre están á espreita para capturar a calquera PX que vexan seguindo este tenue carreiro.