Monsters

O Can do Urco

Do Can do Urco fálase na ría de Pontevedra e de Arousa, especialmente nas cidades de Pontevedra e en Carril, onde o sitúan precisamente na illa de Cortegada. Disque xorde do mar as noites de treboada e que habitualmente aparece coma un can negro “de tamaño colosal e aspecto terrorífico”. Algunhas descricións sinalan que ten cornos e ollos fosforescentes, aterrecedores e hipnóticos, e destacan as súas longas orellas, estrañas para a fisionomía dun cánido. Cóntase tamén que o seu corpo está envolto en grosas cadeas. Segundo a tradición, o Can do Urco é unha besta inmortal que ten a súa toba no “Borrón ou país borroso”, un espazo cheo de néboa baixo o mar pertencente ao Alén. Outros localizan o seu acubillo con máis precisión, nas beiras do Lérez.

No xogo, o Can do Urco é unha fera temible que aparece as noites de temporal e percorre tanto os mares como as zonas terrestres das illas de Ons, Sálvora e Cortegada, destruíndo todo ao seu paso, coa forza dun vagallón e a velocidade dun lóstrego.