Seres máxicos de Cortegada

O Busgoso,
Señor da illa de Cortegada

O busgoso é un ser típico das montañas dos Ancares e de toda a cordilleira cantábrica, que se describe como unha especie de gran fauno, con cornos e pezuños de castrón e longa barba e greñas de carriza. É o gardián do bosque, e cóntase que a súa principal misión e facer fuxir a cazadores e leñadores. É posible que este personaxe sexa a lembranza distorsionada dunha antiga divindade das fragas, similar ao Cernunnos céltico ou ao Pan grego. Tamén pode estar relacionado coa figura do Home Verde, estendido pola Europa medieval, do que temos algunhas tallas en igrexas de Galicia e na propia catedral compostelá.

No xogo, o busgoso é o señor do bosque de Cortegada. Do mesmo xeito que a xente cativa, chegou a esta illa nalgún momento do pasado século dende o seu fogar nas afastadas montañas dos Ancares, seica por fuxir dos rigores da invernía que xa non soporta tan ben á súa milenaria idade. Agora, xace durmido nalgún lugar da fraga, envolto na súa longuísima barba de musgo e liques, imposible de distinguir sequera pola súa respiración, pausada como a brisa entre as árbores. O único xeito de dar co busgoso é detectar primeiro o chamado “rastro do Rei Vello”, unha columna de formigas que percorre o souto ata o lugar onde dorme o busgoso, ao que alimentan botando sementes na súa boca. Quen o atope poderá coller prestada a súa vara de abeleira, que permite ao que a ten dar con calquera tesouro perdido, incluída a moeda perdida. O busgoso soltará dos seus dedos nodosos esta variña a todo aquel que responda a un enigma que farfalla en soños. 

English (UK)