II- Preparación da Partida

Documentación previa e preparación das Guías de Partidas
Documentación Previa

Antes de comezar o xogo, o DX debe planificar algunhas cuestións básicas, como a localización da Moeda ou Moedas perdidas no mapa. Mais a busca destas pezas por parte dos xogadores e xogadoras non é máis que un motivo para lanzar unha exploración que lles permitirá descubrir as verdadeiras marabillas das illas. Así, no curso da partida, nos distintos Eidos de mar e terra do taboleiro os PX encontrarán algunhas das especies de animais e plantas que poboan ese arquipélago, recunchos de interese natural ou etnográfico e espazos con elementos singulares. Algúns animais e plantas poden ser perigosos, outros beneficiosos e outros teren un carácter ambiguo. Certos Eidos agochan fontes, charcas, furnas mariñas, árbores senlleiras, ruínas de construcións doutros tempos, petróglifos ou rochas de formas estrañas con propiedades máxicas que os seres feéricos saben aproveitar. 

A excepción das fontes e lavadoiros, eses elementos non se poden coñecer cunha simple ollada ao taboleiro. O DX llas irá desvelando aos xogadores e xogadoras a medida que estes avancen polo mapa. Para saber que elementos existen ou poden darse en cada Eido, o DX conta cos recursos que se explican a continuación.

As Guías de partidas

Na sección Guías de partidas o DX poderá encontrar material básico para preparar as partidas. Hai unha guía para cada arquipélago, ao comezo da cal figura unha táboa de Lugares referenciados polo número de Eido sobreimpreso no taboleiro. Os Lugares (Lg) son Eidos que contan con un ou varios elementos fixos –ou que aparecen de xeito temporal, pero sempre nese punto–, e singularizan ese Eido dentro do espazo do mapa. Algúns destes Lugares conteñen espazos que os xogadores e xogadoras poden explorar por dentro, como furnas mariñas, covas ou construcións de diverso tipo.  

Aparte desta Táboa de Lugares, estas guías inclúen unha serie de epígrafes onde se explica en que Eidos poden aparecer os distintos elementos, ou ben se indica que a súa aparición depende do que dispoña o DX na Táboa de Roldas (sobre a Táboa de Roldas, ver páxina seguinte).

O DX debe ler a guía do taboleiro no que se vaia a desenvolver a partida para configurar a Folla de Dirección do Xogo (ver páxina seguinte) e a Táboa de Roldas. 

Ademais, se ofrece unha descripción de como os PX poden interactuar cos distintos personaxes, animais e monstros; que uso poden facer dos obxectos clave, e a onde deben levar as Moedas en cada caso; alén dalgunhas regras específicas. 

Como determinar os tipos de “Tesouros” e “Ameazas” que os xogadores e xogadoras poden atopar en cada Eido

Aparte dos elementos das citadas Guías de partidas, no curso do xogo os PX se encontrarán con algunhas das especies de animais existentes nas illas. Esto pode acontecer cando obteñan un resultado de “Tesouro” ou “Ameaza” na Tirada de Evento (v. Páx. 25). Para saber que tipo de animais poden aparecer en cada tipo de Eido, o DX ten a súa disposición a Táboa de Fauna dos Catro Arquipélagos (ver contraportada).

Neste Regulamento Básico, inclúense 15 tipos de aves, 5 de animais mariños, 13 de invertebrados terrestres, 3 de anfibios, 5 de reptís e 14 de mamíferos. Se ben poden parecer moitas, son só unha pequena mostra da riqueza faunística que atesoura o Parque. Para non facer demasiado extenso este manual, nin complicar demasiado a aprendizaxe do xogo, non se fala de  clases concretas de plantas. En todo caso, na web se publicará información ampliada sobre elo, en particular sobre os tipos de plantas “máxicas” ou “velenosas” para os personaxes do xogo. 

Co tempo, desenvolverase un sistema de información “accesible en directo”durante o desenvolvemento das partidas, ao que o DX poderá acceder a través do QR impreso no taboleiro ou navegando dende un dispositivo portátil á web illasdasmarabillas.com. Alí, na sección “Fichas de Personaxes” non terá máis que abrir a ficha do PX que realizou a Tirada de Evento e atopará información sobre que animais, plantas e obxectos lle pode presentar como Tesouro o Ameaza, así como o tipo de Eidos onde estes poden aparecer. .

Investigación e ampliación do trasfondo por parte das persoas participantes nas partidas

Máis aló dos recursos descritos, a finalidade última deste xogo é invitar á descuberta a riqueza natural do Parque. A participación activa na investigación do seu patrimonio e a integración do mesmo no mundo do xogo coa argamasa dos seres do noso imaxinario, é parte da experiencia lúdica. Así, as persoas participantes poden empregar a primeira sesión do xogo en documentarse sobre as características naturais do arquipélago, descubrir outras posibles especies nos distintos tipos de terreo e a función que poden ter nas partidas, avalando os seus argumentos con fontes verificables.

O listado de posibles ferramentas, vehículos, armas, talismáns máxicos e outros ítems que os PX poidan empregar, ten só os límites da creatividade.

Galego