III – Mecánica do xogo
Aspectos básicos da Tirada de Movemento e movemento por terra
Cada PX, PNX e animal avanza tirando 1d6 e sumándolle o VMv que poida ter (se o VMv é cero, como acontece cos PX, terase en conta simplemente o resultado do dado). A cantidade resultante equivale aos Puntos de Movemento (PtMv) que ese actor poderá gastar para desprazarse nesa quenda, tendo en conta que por cada Eido que atravese terá que “pagar” unha determinada cantidade de PtMv, a cal varía en función do tipo de Eido (auga, aire, e tipo de Terreo nos Eidos Terrestres); da especie á que pertence ese personaxe ou animal, e do tipo de desprazamento (correndo, nadando ou voando) que realiza. O custe en PtMv de cruzar cada tipo de Eido ven indicada nas Fichas de Personaxe, no caso dos PX, e na Carta de Consulta Rápida, para os PNX e animais.
Cando un PX, PNX ou animal non ten PtMv dabondo para rematar de superar un Eido, ficará nese Eido ata a súa seguinte quenda. A persoa que leva ese PX, PNX ou animal apuntará na súa Folla de Campaña os PtMv que precisa para rematar de cruzar ese Eido, puntos que deberá gastar na súa seguinte Tirada de Movemento para pasar ao Eido seguinte.
Doutra banda, os PX, PNX e animais non están obrigados a moverse, e tampouco a consumir todos os PtMv que obteñen nunha tirada: poden ficar no Eido inicial ou deterse en calquera outro que atravesen. En calquera caso, os PtMv que non empreguen non se poden acumular para a seguinte quenda.
Movemento a lombos dun animal ou vehículo
Os PX ou PNX que viaxan enriba dun animal ou vehículo avanzarán á velocidade deste. É dicir: farán a Tirada de Movemento empregando 1d6 + VMv do medio de transporte que os leve, e pagarán en cada Eido que atravesen o número de PtMv que lle custe a este pasar por ese Eido.
Movemento xunto a outro animal ou personaxe
Cando un PX viaxa xunto a outro PX ou animal (mais non vai enriba del), ambos empregarán o valor de PtMv do que teña menor Valor de Movemento, e viaxarán o paso do máis lento dos dous en cada Tipo de Terreo.
Regras de movemento entre Eidos
Dende un Eido, de mar, terra ou aire só se pode acceder aos Eidos adxacentes. Considéranse adxacentes os Eidos que comparten algún dos seus lados, non aqueles que se tocan polas esquinas.
Lémbrese que no mar as fronteiras con liñas continuas e descontinuas teñen o mesmo valor. Do mesmo xeito, as fronteiras grosas de liñas brancas descontinuas que marcan os límites das Rexións terrestres funcionan igual que o resto das fronteiras a efectos de movemento.
Excepción a esta norma son movementos seguindo os camiños, que ignoran as fronteiras entre os Eidos e só teñen en conta as Pousas (círculos sobre os Camiños); e os movementos especiais, como o tele-transporte que permiten aos mariños e a outros PX en posesión dun Don máxico viaxar e maneira instantánea dunha fonte a outra, ou da foz dun rego ao seu nacente.
Movemento seguindo os camiños
Seguir os camiños permite a un personaxe ou animal saltar entre as casiñas circulares marcadas sobre eles (as chamadas Pousas), empregando o seu custe por desplazarse polos camiños, ignorando os Eidos e as fronteiras que atravesan. A meirande parte dos PX, PNX e animais terrestres, só emprega un punto (ou, se non é así, o mínimo custe en PtMv) en atravesar cada Pousa, de xeito que a tirada de 1d6 + o seu Valor de Movemento, dan o número de pousas que poden percorrer por ese camiño, independentemente do tipo de terreo dos Eidos que atravesan estes camiños.
Só se pode acceder aos camiños dende un Eido no que haxa unha Pousa dese camiño. Cando unha Pousa está nunha fronteira entre dous Eidos, pódese acceder a el dende calquera dos dous Eidos.
Acceder a un camiño que ten unha Pousa no Eido no que xa se atopa un PX, PNX ou animal, require o “pago” dos Puntos de Movemento que custaría pasar a primeira Pousa. Acceder a un camiño que está nun Eido adxacente a aquel onde está actualmente o PX, PNX ou animal, require o “pago” dos PtMv que custa atravesar o Eido no que está esa Pousa. Neste caso, xa non se gastan PtMv adicionais nesa primeira Pousa.
Algúns personaxes, coma os oestrimios, non se moven de Pousa a Pousa cando seguen un camiño. Enténdese que estes seres teñen un tamaño é tan minúsculo que tanto lles ten seguir un camiño como ir campo a través polas minúsculas sendas que poden atopar nunha pradaría ou Eido de monte baixo. Só se poden beneficiar dos camiños nos Eidos nos que estes atravesan Cantís rochosos ou Rochas: neste caso, se seguen o camiño pagaran 6 PtMv por cada Eido que atravesen, pero se moverán de Eido en Eido, sen atender as Pousas do camiño.