I- Explicación do taboleiro e compoñentes
Tipos de Terreo
Rochas costeiras supramareais
Estes Eidos teñen a mesma cor e textura que os de Rochas de interior, dos que se diferencian polo feito de estaren localizados a carón do mar. Pola súa exposición ao impacto das ondas, constitúen un terreo de características diferentes ás formacións rochosas de terra adentro. A diferencia das rochas costeiras intermareais, estas non fican nunca completamente mergulladas.
Rochas costeiras intermareais
Rochas costeiras que fican baixo o mar nos momentos de marea alta. Isto fai que alberguen un tipo distinto de ecosistemas, con presencia de pequenas pozas, algas, mexillóns, percebes, etc. Normalmente están máis húmidas que as rochas costeiras supramareais, o que representa un maior risco de esvarar ao camiñar sobre elas.
Cantís rochosos
Os cantís sobre o mar danse sobre todo nas costas occidentais das Cíes, onde se atopan os máis altos de todo o Parque. Son pendentes moi acusadas esculpidas polas ondas e os ventos oceánicos, onde só medran especies de plantas con alta tolerancia ao sal, coma o perexil de mar (Crithmum maritimum), o fento mariño (Asplenium marinum), a herba das culleres (Cochlearia danica) e a herba de namorar (Armeria pubigera)
Cantís con toxeiras
pendentes pronunciadas sobre o mar cubertas de toxeiras ou xestas e toxos.
Toxeiras
Eidos onde predomina o toxo. Nas zonas máis expostas aos ventos, tende a crecer a especie Ulex humilis ou toxo mouro, unha especie algo máis pequena que o Ulex europaeus ou toxo arnal, que medra en áreas máis resgardadas. Entre eles medran os fentos, as uces (estas ausentes de Cíes), e outras especies típicas do monte baixo.
Matogueiras
Zonas con alta densidade de arbustos de gran tamaño, especialmente xestas, con baixa ou nula presencia de toxos. En Ons e na illa de Vionta dase a chamada xesta de Ons (Cytisus insularis) un endemismo que só se atopa nestas Illas e na praia de Barra, en Cangas.
Rochas de interior
represéntanse no taboleiro coa aparencia que as Rochas costeiras, coa diferencia de que non limitan cun Eido de mar.
Campos
poden ser pradarías, uceiras (salvo en Cíes), gándaras, chancelas de terra, folgueiras, agras, etc. Caracterízanse por teren poucos ou ningún arbusto de gran tamaño e constituíren un terreo doado ao paso, chan ou en suave pendente.
Abruñais
Zona mesta de abruñeiros. Se ben os abruñais son un tipo de bosque, no xogo diferéncianse do Tipo de Terreo de “Bosque” polas características dos propios abruñeiros, que adoitan formar barreiras moi difíciles de atravesar polo enleado das súas pólas cubertas de espiñas.
Fraga
Bosque composto na súa maior parte por frondosas autóctonas, tales como carballos, sabugueiros, salgueiros, castiñeiros, amieiros… Nestes bosques, o solo soe estar poboado de fentos, uces, toxos, xestas ou herba. Porén, os Eidos marcados como Fraga, considéranse un tipo de terreo menos impenetrable que as toxeiras ou matogueiras propiamente ditas.
Piñeiral
Formación arbórea onde predominan os piñeiros. Adoitan ter un sub-bosque de fentos ou area mesturada con frouma, cando están próximos ás praias.
Loureiral
Conxunto de loureiros. Danse en Cortegada. Non deben confundirse coa laurisilva, un tipo de ecosistema propio das illas da Macaronesia.
Eucaliptal
Estas plantacións, realizadas durante o século XX, constitúen hoxe unha grande ameaza para os ecosistemas do Parque, polo seu carácter invasivo e o agravamento que causan na seca propia dos arquipélagos. Na actualidade, están sendo reemprazados por plantación de especies autóctonas ou matogueiras propias das illas. Aos pés destas árbores soen medrar fentos e algúns toxos ou herbas, ademais de especies de árbores autóctonas que tratan de abrirse paso para captar a luz do sol.
Xunqueira
Zona húmida abundante en xuncos e/ou canas. Poden ser zonas con presencia de auga salgada ou doce na superficie, brañas, lameiros… Nos arquipélagos poden atoparse distintos tipos de xuncos. A illa de Sálvora é particularmente rica nestas formacións, especialmente na súa parte norte.
Dunas
Eidos nos que predomina o ecosistema de dunas costeiras. Son un terreo fráxil que adoita estar prohibido ao paso humano. Os PX, por encarnaren seres máxicos que, no fondo, representan personificacións da natureza, si poden percorrelos. O chan das dunas, onde enraízan as plantas propias destes ecosistemas, tende a ser máis firme que a area das praias propiamente ditas.
Praia (zona de area seca)
A area seca das praias constitúe un tipo de terreo que pode resultar difícil para algúns tipos de PX, polo feito de estar a area menos compacta que nas dunas e, sobre todo, que na area húmida e máis endurecida da orela.
Praia (area húmida)
A franxa da praia ata onde chegan as ondas resulta máis chá e máis fácil para o desprazamento que a zona de area seca. Porén, nalgúns casos, estas areas poden ser de tipo fangoso e traizoeiro, e nelas é fácil afundir.
Zona Urbana
As zonas urbanas son Eidos con varias casas ou edificios habitados ou frecuentados acotío por seres humanos. Estes espazos representan un perigo para os seres máxicos, pois, alén dos vehículos a motor que poden atropelalos, algúns humanos aínda teñen a capacidade de velos, e o encontro con estes causará a transoformación dos seres máxicos en animais, pole ou en seres humanos eles mesmos, tal e como se indica na Táboa de Tirada de Accidentes en Zona Urbana (a pé ou sobre montura terrestre)
Camiños
Os vieiros e sendas marcadas no taboleiro permiten atravesar Eidos de terreo difícil evitando os atrancos propios destas zonas. Un PX ou PNX que segue un camiño avanzará entre as pousas ou paradas do camiño sen atender ás fronteiras entre os Eidos nin gastar os Puntos de Movemento que lle custaría percorrelos campo a través. Os animais, polo xeral, non seguen os camiños, salvo cando van montados por un xinete.
Fontes, regos e lavadoiros
Os regos que escorregan por algunhas illas adoitan ser estreitos, pero non deixan de ser un obstáculo para algúns tipos de PX, PNX ou animais de pequeno tamaño. Para outros, como é o caso dos mariños ou os mouros que teñen o Don da Frol d’Augoa, son unha especie de camiños especiais que poden baixar ou remontar a gran velocidade entre a súa fonte e o mar. As fontes son os circuliños dobres de fondo azul na cabeceira destes regos (aínda que non sempre forman regos). As Fontes, ademais, son puntos onde se concentra unha certa enerxía máxica que pode ser aproveitada por algúns tipos de PX ou PNX. Os lavadoiros son semellantes ás fontes, pero cadrados.