I- Aspectos xerais

Tipos de Eidos e elementos do mapa

Eidos de Mar

Eido de Costa Perigosa

Eido de Mar que limita con un ou con varios Eidos de terra (incluídos illotes), e que entraña para os que o atravesan o risco de ser guindado polas ondas contra as rochas da costa.  Por elo, os Accidentes nestes Eidos son máis perigosos que en zonas de Costa Tranquila.

Levan o número de Eido en cursiva e en cor vermella.

Eido de Costa Tranquila

Eido de Mar que limita con un ou con varios Eidos de terra (incluídos illotes), que non representa tanto perigo para os que o cruzan como os Eidos de Costa Perigosa, debido á menor ferocidade do mar nestas zonas.

O seu número de Eido vai en cursiva e cor branca.

Eido de Mar Aberto

Eido de Mar non costeiro nin de Alta Mar. Levan o número de Eido en cursiva e de cor branca.

Eido de Alta Mar

Eidos de Mar non costeiros que limitan co bordo esquerdo do taboleiro de Cíes, Ons e Sálvora. Non existen en Cortegada. Son unha zona de augas peláxicas ou exteriores ás rías, onde se poden atopar aves que non adoitan achegarse á costa, como os mascatos, as pardelas e os araos. Como todos os Eidos de mar, o seu número  de Eido vai en cursiva. Neste caso, en cor branca.

Eidos de terra

Eidos de Cantís

Cantís rochosos

Os cantís sobre o mar danse sobre todo nas costas occidentais das Cíes, onde se atopan os máis altos de todo o Parque. Son pendentes moi acusadas esculpidas polas ondas e os ventos oceánicos, onde só medran especies de plantas con alta tolerancia ao sal, coma o perexil de mar (Crithmum maritimum), o fento mariño (Asplenium marinum), a herba das culleres (Cochlearia danica) e a herba de namorar (Armeria pubigera)

Cantís con toxeiras

Pendentes pronunciadas sobre o mar cubertas de toxeiras ou xestas e toxos. Resultan complicadas de atravesar, se ben un pouco menos que os cantís de rochas (que requiren escalar por pardes de rocha),

Outros Eidos de Terra

Rochas costeiras supramareais

Estes Eidos teñen a mesma cor e textura que os de Rochas de interior, dos que se diferencian polo feito de estaren localizados a carón do mar, o que implica que están bordeados, polo menos por un lado, pola liña da costa da preamar.

Rochas de interior

Represéntanse no taboleiro coa aparencia que as Rochas costeiras, coa diferencia de que non limitan cun Eido de mar.

Toxeiras

Eidos onde predomina o toxo. Nas zonas máis expostas aos ventos, tende a crecer a especie Ulex humilis ou toxo mouro, unha especie algo máis pequena que o Ulex europaeus ou toxo arnal, que medra en áreas máis resgardadas. Entre eles medran os fentos, as uces (estas ausentes de Cíes), e outras especies típicas do monte baixo.

Matogueiras

Zonas con alta densidade de arbustos de gran tamaño, especialmente xestas, con baixa ou nula presencia de toxos. En Ons e na illa de Vionta dase a chamada xesta de Ons (Cytisus insularis) un endemismo que só se atopa nestas Illas e na praia de Barra, en Cangas.

Campos

Poden ser pradarías, uceiras (salvo en Cíes), gándaras, chancelas de terra, folgueiras, agras, etc. Caracterízanse por teren poucos ou ningún arbusto de gran tamaño e constituíren un terreo doado ao paso, chan ou en suave pendente.

Abruñais

Zona mesta de abruñeiros. Se ben os abruñais son un tipo de bosque, no xogo diferéncianse do Tipo de Terreo de “Bosque” polas características dos propios abruñeiros, que adoitan formar barreiras moi difíciles de atravesar polo enleado das súas pólas cubertas de espiñas. 

Fraga

Bosque composto na súa maior parte por frondosas autóctonas, tales como carballos, sabugueiros, salgueiros, castiñeiros, amieiros… Nestes bosques, o solo soe estar poboado de fentos, uces, toxos, xestas ou herba.

Piñeiral

Formación arbórea onde predominan os piñeiros. Adoitan ter un sub-bosque de fentos ou area mesturada con frouma, cando están próximos ás praias. 

Loureiral

Conxunto de loureiros. Danse en Cortegada. Non deben confundirse coa laurisilva, un tipo de ecosistema propio das illas da Macaronesia.

Eucaliptal

Estas plantacións, realizadas durante o século XX, constitúen hoxe unha grande ameaza para os ecosistemas do Parque, polo seu carácter invasivo e o agravamento que causan na seca propia dos arquipélagos. Na actualidade, están sendo reemprazados por plantación de especies autóctonas ou matogueiras propias das illas. Aos pés destas árbores soen medrar fentos e algúns toxos ou herbas, ademais de especies de árbores autóctonas que tratan de abrirse paso para captar a luz do sol.

Xunqueira

Zona húmida abundante en xuncos e/ou canas. Poden ser zonas con presenza de auga salgada ou doce na superficie, brañas, lameiros… Nos arquipélagos poden atoparse distintos tipos de xuncos. A illa de Sálvora é particularmente rica nestes ecosistemas, especialmente na súa parte norte.

Dunas

Eidos nos que predomina o ecosistema de dunas costeiras. Son un terreo fráxil que adoita estar prohibido ao paso humano. Os PX, por encarnaren seres máxicos que, no fondo, representan personificacións da natureza, si poden percorrelos. O chan das dunas, onde enraízan as plantas propias destes ecosistemas, tende a ser máis firme que a area das praias propiamente ditas. Levan o número de Eido en negro. 

Praia (zona de area seca)

Zona das praias que nunca é cuberta polo mar, é dicir, por riba da liña da costa de preamar. Levan o número de Eido en negro. 

Zona Urbana

As zonas urbanas son Eidos con varias casas ou edificios habitados ou frecuentados acotío por seres humanos. Estes espazos representan un perigo para os seres máxicos, se ben estes perigos non se desenvolven no Regulamento Básico Lite.

Camiños e outros elementos

Camiños

Os vieiros e sendas marcadas no taboleiro permiten atravesar Eidos de terreo difícil evitando os atrancos propios destas zonas. As criatyras que seguen un camiño avanzan entre as pousas ou paradas do camiño (os círculos brancos representados sobre a liña alaranxada que marca o trazado do camiño) sen atender ás fronteiras entre os Eidos nin gastar os Puntos de Movemento que lle custaría percorrelos campo a través.

Pousas da Compaña

Presentes nas illas de Ons e Sálvora, as pousas da Compaña son unha ringleira de círculos que marcan o itinerario desta sinistra comitiva

Elementos que non se teñen en conta no Regulamento Básico Lite

Praia (area húmida)

A zona e area húmida das praias forma parte da zona entremareas, polo que non se ten en conta neste regulamento. Esta comprendida entre as dúas liñas amarelas que marcan o límite da preamar e da baixamar, e o seu número de Eido vai seguido dunha letra (a, b, c, d…). En versións avanzadas do regulamento, estas zonas poden albergar areas fangosas que se poden comportar como areas movedizas para algúnhas criaturas.

Rochas costeiras entremareas

Rochas costeiras que fican baixo o mar nos momentos de marea alta. Isto fai que alberguen un tipo distinto de ecosistemas, con presencia de pequenas pozas, algas, mexillóns, percebes, etc. Normalmente están máis húmidas que as rochas costeiras supramareais, o que representa un maior risco de esvarar ao camiñar sobre elas. Do mesmo xeito que os Eidos de Area húmida, non se teñen en conta neste regulamento. Son recoñecibles porque están comprendidos entre as dúas liñas amarelas que marcan os límites da marea, e por levar o número de Eido seguido dunha letra. A súa cor é máis escura que a dos Eidos de area húmida, e teñen a mesma trama de liñas rectas dos Eidos de rocha, aínda que máis atenuada.

Fontes, regos e lavadoiros

Os regos que escorregan por algunhas illas adoitan ser estreitos e secar no verán. Porén, en versións avanzadas do regulamento poden ser un obstáculo para algúns tipos de PX, PNX ou animais de pequeno tamaño. Para outros, como é o caso dos mariños ou os mouros que teñen o Don da Frol d’Augoa, son unha especie de camiños especiais que poden baixar ou remontar a gran velocidade entre a súa fonte e o mar. As fontes son os circuliños dobres de fondo azul na cabeceira destes regos (aínda que non sempre forman regos). As Fontes, ademais, son puntos onde se concentra unha certa enerxía máxica que pode ser aproveitada por algúns tipos de PX ou PNX. Os lavadoiros son semellantes ás fontes, pero cadrados.

Galego