III- Mecánica do xogo

Resultado na Tirada de Evento de “Obxecto”

♦   Se un xogador ou xogadora obtén un resultado de “Obxecto” nunha Tirada de Evento, e non vai voando (dende o aire non atopará nada), o Director ou Directora do Xogo (DX) consulta a  Guía de Eidos para ver se no Eido no que está o PX hai algún obxecto. En caso de ser así, debe comprobar tamén se hai algunha limitación ao tipo de PX que o pode atopar: cando na Guía de Eidos aparece escrito, por exemplo “o PX soliño atopa…”, significa que calquera outro tipo de PX non atopará nada. 

♦   Se o PX está sobre a superficie do mar, só atopará os obxectos que poida haber flotando, pois para encontrar calquera elemento situado no fondo tería que ter feito unha inmersión no canto dunha Tirada de Movemento. 

Nesta versión das regras, os obxectos só poden ser armas, armaduras ou vehículos. Cada obxecto ten a súa propia ficha na sección “Fichas” das Follas de Dirección do Xogo, onde se recollen as súas características. 

Apuntar o Obxecto atopado na Ficha de Personaxe

Cando un PX atopa un obxecto, o apuntará na súa Ficha de Personaxe na sección “Obxectos”. Tamén pode apuntalo nunha folla de papel ou caderno. A persoa encargada da Dirección de Xogo informará a ese xogador ou xogadora das características dese obxecto que figuran na ficha do mesmo. Se o desexa, o PX pode tomar nota destas características na mesma Ficha de PX ou nunha folla de papel. En todo caso, cando se faga uso dese vehículo, arma ou armadura, o DX consultará a ficha do obxecto para aplicar os modificadores e regras particulares que correspondan.

Rango de CT necesario para empregar vehículos, armas e armaduras

Cando un PX atopa un vehículo a través dunha Tirada de Evento, pode simplemente subir enriba del e pilotalo seguindo as regras de movemento que se indican na ficha dese vehículo. Se o PX vai acompañado dalgún animal aliado ou doutro PX, estes poden subir con el ao vehículo, sempre que non se supere a carga máxima indicada na ficha do mesmo. A carga total que representan as criaturas que se soben a bordo obtense sumando os valores de CT (Categoría de Tamaño) que veñen na ficha de cada criatura. 

Durante o seu traxecto nun vehículo, un PX pode recoller a outro PX e/ou a animais aliados. Para iso, simplemente ten que deter o seu movemento no Eido onde estean os que quere subir a bordo.

Galego