Seres máxicos de Sálvora

Os mariños de Sálvora

Di a tradición popular que as persoas que levan o apelido Mariño son descendentes da unión da Serea de Sálvora cun home mortal. A prole desta parella, de aparencia humana, se tería multiplicado logo de mil anos de mestura cos homes e mulleres das beiras da ría. Desde entón, os verdadeiros herdeiros desta liñaxe pódense recoñecer polos seus ollos da cor do mar de Arousa, un eco da nostalxia da súa ilustre antepasada polo seu fogar acuático. Movidos por esa saudade, estas persoas adoitaban partir un día da praia e non voltar. Días despois, aparecían misteriosamente gaivotas cos ollos de profundo azul mariño.

No xogo, os mariños e as mariñas habitan en refuxios submariños preto das costas de Sálvora, e as noites de lúa saen a deitarse sobre as numerosos cons que rodean a illa. Ao teren unha gran proporción de sangue humano, apenas minguaron de tamaño, sendo só algo máis miúdos que as persoas comúns. Ademais dos seus ollos azuis, é característico deles o lixeiro ton azulado da súa pel e os seus longos cabelos da cor do bronce vello, como as algas que algúns chaman folla de maio.

A xente desta especie só pode permanecer cinco quendas fóra da auga. Se non volven antes ao mar ou se achegan a algún espazo de auga doce, morrerán deshidratados. Isto limita os seus movementos en terra, onde son especialmente torpes en todos os terreos salvo na area húmida da praia, as xunqueiras e as rochas. En cambio, móvense no mar coa axilidade dos golfiños.

Como todos os demais PX, estes seres acuáticos poden ser vítimas do Can do Urco, que pola súa natureza híbrida fai batidas mesmo sobre a terra que baixo a auga. Ademais, no mar de Sálvora axexa outro terrible monstro: o Congro xigante Porviso, que dende a súa gorida na illa de Noro se achega ás veces ás leiras de algas que os mariños e mariñas cultivan baixo as augas. Para combater ao Congro e outros monstros mariños, coma o Can do Urco, os mariños contan coa axuda dun amigo de altamar: a candorca, un feroz mamífero mariño quen de cando en vez se deixa ver por estas augas. Pero este aliado non lles pode axudar en terra, onde as xentes deste pobo poden caer a mans dos saefes de Sálvora, ou da Santa Compaña.

Galego