Seres máxicos de Cortegada

Os carcamáns de Cortegada

Segundo a tradición oral, os carcamáns eran unha especie de trasnos piratas que vivían na illa de Arousa. Disque no pasado foron xentes grandes e rexas. No xogo os atopamos na súa versión minguada de pouco máis dun metro de altura, incapaces de infundir o temor de antano. Coa decadencia do seu poder, a meirande parte dos antigos carcamáns se mesturaron cos humanos asentados na illa. Os que non o fixeron, foron expulsados da vila e confinados aos extremos despoboados deste anaco de terra, como punta Carreirón, punta Ouriceira ou punta Barbafeita. Co despoboamento de Cortegada a inicios do século XX, o que ficaba do antigo pobo carcamán se concentrou nestas costas, xa entregado a unha actividade máis pacífica da pesca de baixura e o cultivo de bivalvos. 

As xentes desta especie teñen grandes mans e a pel de cor cobriza polo efecto do sol, e non coñecen o calzado. Saen polas noites a mariscar e faenar nas barras areosas, e habitan en casoupas que o ollo mortal non pode distinguir dos cons e o ramallo da costa. Para lexitimar a súa presenza na illa dos loureiros, os membros desta comunidade afirman ser herdeiros dos seus antigos habitantes. Malia estar perfectamente documentada nos anais dos seres máxicos a súa recente chegada, a reivindicación dos carcamáns ten un pouso de verdade: sábese que algúns humanos que rexeitaron abandonar as súas propiedades en Cortegada acabaron uníndose a este pobo e adoptando a súa calidade de máxica invisibilidade.

Os carcamáns son excelentes nadadores, e poden mergullarse durante varios minutos nos fondos pouco profundos desta zona da ría. Os humanos que teñen a vista máxica os confunden habitualmente coas xa escasas lontras que algunha vez aboian preto da illa ou chimpan axilmente ao mar dende as ribeiras. A risa destes trasnos é idéntica ao grallo da gaivota chorona, polo que o ouvido tampouco axuda a detectalos.

O seu medio preferido son a ribeiras, e non adoitan aventurarse no interior da fraga, verdadeira señora de Cortegada dende o seu abandono. Malia eles poder distinguir aínda a antiga xeografía de leiras da illa, co avance da vexetación chegou tamén a tribo dos salvaxes canouros, que tamén fixo desta illa un dos seus últimos refuxios. Ademais , os carcamáns temen tamén aos xabaríns que ás veces acadan a illa a nado, e que son para este pobo miúdo tan perigosos como o sería un rinoceronte para nós. Mais hai unha ameaza que si os pode empuxar a buscar protección no bosque: os crudelísimos lordemáns, que no plano dos seres feéricos se corresponden cos antigos dökkálfar ou elfos escuros da Escandia. Estes piratas, malia seren dunha talla só lixeiramente superior á dos carcamáns por teren perdido tamén parte da súa presencia, son terriblemente feros e sanguinarios, e aparecen como pantasmas saídas da bruma nunha especie de eco máxico das invasións dos lordemanni, a némesis histórica dos carcamáns e as carcamás de Arousa. Estes dispoñen dun sistema de vixilancia, distribuído entre os illotes ao oeste de Cortegada, é dicir, as illas Malveiras, a illa dás Briñas e o illote do Con. En cada unha destas pequenas porcións de terra teñen un fogo fatuo como sentinela, que se acende cando detecta a silueta dos barcolongos do norte. Pero este sistema non sempre funciona, pois a miúdo os lumes fatuos confunden as naves dos piratas coas dornas dos pescadores mortais que faenan na ría. 

Outro dos grandes azoutes do pobo carcamán e o infernal Can do Urco, que, saído do mar, percorre a illa as noites de trebón. Mais estrañas son as visitas do Congro Porviso a esta zona do fondo da ría, aínda que os pescadores carcamáns navegan sempre con coidado, pois saben que cun simple aceno do seu alongado corpo é capaz de envorcar os seus fráxiles loros e bucetas.

Galego