III- Mecánica do xogo

Tiradas de Ataque e Defensa a Distancia

 Algunhas armas, como os arcos ou as lanzas (por exemplo, o soliferrum dos herminios) permiten realizar Tiradas de Ataque a distancia. Estas armas pódense empregar tamén nunha Tirada de Defensa ante un rival que se atopa no mesmo Eido (neste caso interprétase que o atacante carga contra o que leva a arma a distancia e este trata de responder con esta arma antes de ser alcanzado por el). Ademais, algunhas armas de ataque a distancia permiten atinxir un obxectivo que está a 1, 2 ou ata 3 Eidos máis alá. 

Como nesta versión das regras as criaturas controladas polo DX non se moven do Eido no que aparecen, e isto acontece só cando un PX se atopa xa nese Eido, os PX só poden realizar ataques fóra do seu Eido a outros PX, é dicir, cando se xoga en modo competitivo.

En función de que a arma de loita a distancia se empregue para atacar (tomando a iniciativa) ou para responder a unha criatura que asalta ao personaxe que a leva, hai dous tipos de tiradas con estas armas:

Tirada de Ataque a Distancia

A iniciativa no ataque por parte dun PX só e posible fronte a outro PX, que pode estar noutro Eido ou no mesmo Eido que o PX que ataca. Esta tirada resólvese do seguinte xeito:

♦   Tirada de Ataque: O atacante (que emprega a arma de ataque a distancia) tira o dado e suma o seu VL.

♦   Tirada do Obxectivo: A tirada de obxectivo representa a probabilidade do PX ao que vai dirixido o ataque a distancia (chamado PX obxectivo) de non ser alcanzado polo proxectil. Para resolvela, o PX obxectivo tira o dado e suma o seu VE e mailo bLO do escudo que poida levar. Ademais, se non está no mesmo Eido que o PX que o ataca, suma tamén ao resultado do dado o número de Eidos de distancia aos que está.

Tirada de Defensa a Distancia

Esta tirada a pode facer un PX como resposta a unha Tirada de Ataque por parte de calquera outra criatura. Neste caso, a tirada resólvese como segue:

♦   Tirada de Ataque: Mesma regra que calquera outra Tirada de Ataque: o atacante tira o dado e suma o seu VL e mailo bLA desa arma.

♦   Tirada de Defensa a Distancia: O defensor tira o dado e suma o seu VL e mailo bLA da súa arma de ataque a distancia.

Así, as tiradas de loita a distancia poden representarse coas seguintes fórmulas:

Tirada de Ataque a Distancia  -vs- Tirada do Obxectivo

Dado + VL do atacante – vs- dado + VE do PX obxectivo (+ bLO do seu escudo) + número de Eidos de distancia ao que está o PX obxectivo.

Tirada de Ataque  -vs- Tirada de Defensa a Distancia

Dado + VL do atacante (+ bLA da súa da arma) – vs-  Dado + VL do defensor + bLD da arma de Defensa a Distancia.

Nótese que na Tirada de Ataque a Distancia non se suma bL ningún, mentres que na Tirada de Defensa a Distancia o bL empregado é o bLA, en lugar do bLD empregado nas Tiradas de Defensa corpo a corpo.

Consecuencias das Tiradas de Loita cun Ataque e Defensa a Distancia

As consecuencias destas loitas son análogas ás das loitas corpo a corpo:

♦   Se o resultado da Tirada de Ataque a Distancia é maior que o da Tirada de Obxectivo, o ataque ten éxito. O atacante terá que facer unha Tirada de Dano para ver o impacto que ten no seu opoñente, empregando o nA da arma de ataque a distancia.

♦   Se o resultado da Tirada de Ataque a Distancia é inferior ou igual que o da Tirada de Obxectivo, este non sufrirá ningún dano. Se está no mesmo Eido que o personaxe que o atacou, o PX obxectivo poderá atacalo á súa volta cando chegue a súa quenda.

♦   Se o resultado da Tirada de Defensa a Distancia é superior ou igual ao da Tirada de Ataque, o ataque fracasa. Se o atacante é unha criatura controlada polo DX, desaparecerá.

♦   Se o resultado da Tirada de Defensa a Distancia é inferior ao da Tirada de Ataque, o ataque ten éxito. O atacante terá que facer unha Tirada de Dano para ver o impacto que ten no seu opoñente. 

Español