III- Mecánica do xogo

Tirada de Control de Montura

A Tirada de Control de Montura faise cando se obtén un resultado de Accidente na Tirada de Evento mentres se cabalga un animal. En función do resultado desta Tirada, o PX conseguirá manterse sobre a súa montura ou caerá, o que lle pode causar danos.

A Tirada faise do mesmo xeito que a  Tirada de Comunicación con Animal, coa particularidade que neste caso o animal co cal se fai a tirada é a montura do PX: o PX Tira un dado e suma o VcAn que poida ter indicado na súa Ficha de PX para os animais desa especie. A continuación, o DX tira o dado pola montura. 

Se a tirada do PX supera ou iguala á que fai o DX en nome do animal, a Tirada de Control de Montura é exitosa e o accidente non ten ningún tipo de consecuencias. 

Se non a supera, as consecuencias son as seguintes:

♦   Se cae dunha montura que se despraza por terra por un Cantil rochoso ou un Cantil de toxeiras, perde a montura e sofre as mesmas consecuencias que se o accidente tivese ocorrido cando vai polos seus propios medios por un Cantil rochoso ou Cantil de Toxeiras.

♦   Se cae dunha montura que se despraza polo mar nun Eido de Costa Perigosa, perde a montura e sofre as mesmas consecuencias que se o accidente tivese ocorrido nese mesmo Eido cando se despraza a nado.

♦   Se cae dunha montura que se despraza polo mar nun Eido de Costa Tranquila, perde a montura e fica nese Eido de mar, pero non sofre consecuencias (se é un oestrimio ou un PX da xente cativa, a seguinte quenda estará en situación de Movemento Errante por Mar).

♦   Se cae dunha montura que se despraza polo mar nun Eido de Mar Aberto, perde a montura e fica nese Eido de mar, pero non sofre danos (se é un oestrimio ou un PX da xente cativa, a seguinte quenda estará en situación de Movemento Errante por Mar)

♦   Se cae dunha montura que vai polo aire, perde a montura e acontece o seguinte:

–   Se o PX é un oestrimio, a seguinte quenda estará en situación de Movemento Errante por Aire

–   Se o PX non é un oestrimio e o accidente o ten mentres sobrevoa un Eido de Mar, cae a auga nese Eido de Mar. Deberá tirar o dado e sumar 1 ao resultado. O total determinará, na Táboa de Dano, o impacto sobre o PX. Ademais, se o PX é da xente cativa, a seguinte quenda estará en situación de Movemento Errante por Mar.

–   Se o PX non é un oestrimio e o accidente o ten mentres sobrevoa un Eido de Cantil de rochas ou de toxeiras, cae sobre a superficie dese Eido. Deberá tirar o dado e sumar 4 ao resultado. O total determinará, na Táboa de Dano, o dano que recibe o PX.

–   Se o PX non é un oestrimio e o accidente acontece mentres sobrevoa un Eido de terra, cae ao chan nese Eido. Deberá tirar o dado e sumar 3 ao resultado. O total indicará, na Táboa de Dano, o dano sobre o PX.

Español