Seres máxicos de Sálvora
Os saefes de Sálvora
Coñecidos nas fontes antigas como “pobo das serpes”, foron asociados por estudosos posteriores aos indoeuropeos da Idade do Ferro, é dicir, aos castrexos. O seu nome derivaría do seu culto ás cobras. Segundo a Ora Maritima de Avieno, os saefes expulsaron de Galicia aos seus antigos poboadores, os oestrymnios. Na tradición oral, mesturouse o relato de Avieno coas lendas de que as illas de Sagres, Vionta, Noro e os cons que as rodean son en realidade o antigo rei dos saefes petrificado (o Home de Sagres), anacos do seu queixo, lingua e moas, e de varios animais convertidos en pedra. Todos eses elementos fíanse nunha lenda que conta como o rei dos saefes, no seu intento de conquista deste último refuxio dos oestrymnios, seduciu á filla do rei destes, Forcadiña. Da súa unión naceu un fillo que chamaron Noro. Mais o plan do rei dos saefes foi descuberto, e os oestrymnios converteron en pedra ao monarca invasor ao seu exército.
No xogo, o Rei dos Saefes e os seus animais totémicos (un porco, un cabalo e un galo) son os cons que se estenden ao norte e leste de Sálvora. Poden “espertar” e moverse cando son desturbados, ben polo canto do galo de Vionta ou ben porque alguén toca a moeda fenicia agochada neste territorio, que os saefes consideran parte do seu tesouro.