Seres máxicos de Ons
Os mouros de Canexol (Ons)
Estes seres, típicos do folclore de todas as bisbarras de Galicia, tamén se atopan na illa de Ons, onde teñen o seu lar baixo as ruínas do Castro de Canexol.
Malia seu nome, nada teñen que ver coas poboacións do Magreb, a diferenza de outra tribo de seres máxicos da illa, os almuiuces. Os mouros de Canexol, como os luparios que habitan na punta Centolo, están entre os máis antigos poboadores destas illas, só rivalizando en antigüidade cos oestrimios de Sálvora. A pesar da súa longuísima historia, os mouros e mouras non teñen minguado de tamaño como outras especies feéricas (todas elas abocados á desaparición desde que os humanos lles deron as costas), mais sufriron como calquera outra unha perda de “presenza”, de xeito que se foron volvendo cada vez máis transparentes á nosa vista. Para quen aínda pode velos, amosan unha fasquía semellante á dos homes e mulleres comúns, e só son recoñecibles pola súa pel color terra e as súas orellas apuntadas, que eles ocultan cando se mesturan entre a xente baixo o pucho de pescadores. No amencer e solpor dos días de solsticio se volven fermosos e luminosos, recobrando por uns intres o fulgor que tiveron un tempo.
Os mouros e as mouras están vinculados á terra e ao equilibrio natural do monte, do que son a súa garda e cuxas sendas patrullan as noites de plenilunio a lombos dos seus fermosos cabalos garranos. Amantes das ribeiras, son grandes navegantes, e para desprazarense de illa en illa xonguen as súas dornas aos bois mariños, uns seres híbridos entre bóvidos e lobos mariños cuxo bruído soa como o vento nas furnas.
Os inimigos dos mouros e as mouras pertencen máis ao mundo sobrenatural que ao natural: a Santa Compaña é a súa meirande ameaza, pois aquel que a atopa está obrigado a desfilar con ela ata desaparecer para sempre polo Burato do Inferno. Outro perigo para estes seres é calquera obxecto feito de plástico ou de calquera metal distinto de ouro, prata, bronce ou cobre, pois teñen unha alerxia tan forte a estes materiais que o rozamento cunha lata ou calquera desperdicio que conteña plástico xerará neles unha febre fatal.
As xentes deste pobo teñen gran mobilidade pola zona de monte e polos camiños, sobre todo se van a lombos dun dos seus máxicos garranos, pero non poden voar nin mergullarse no mar tanto como outros seres máxicos, aínda que se a Moura de Ons lles outorga a Frol d’Augoa, poderán tele-transportase de fonte a fonte, así como recuperar o seu antigo aspecto luminoso a plena luz do día. Ademais, se atopan o Peite da Moura recibirán o don de se converter en xigantes de 3 metros de altura, podendo facer fronte ao mesmísimo Can do Urco ou aos saefes de Sálvora.