Seres máxicos de Ons

A Santa Compaña en Ons

As referencias á Santa Compaña, comúns a toda Galicia, tense conservado especialmente ben en Ons, onde esta funesta comitiva ten quizais unha das súas postas en escena máis espectaculares: cóntase que chega en barca desde a praia da Lanzada, en Noalla, e toca terra na Punta do Centolo, desde onde percorre a illa de norte a sur ata o cemiterio ou ata o Burato do Inferno, segundo as versións. Quen se cruza no seu camiño estará condenado a camiñar con ela ata que outro desafortunado poida ocupar o seu posto. No xogo, a Compaña pasa polo cemiterio e desde alí prosegue ata o Burato do Inferno. Os PX que estean a menos de catro Eidos de onde se atopa, deberán seguila ata aló, onde desaparecerán para sempre. O único xeito de evitalo é que outro PX vaia onda os petróglifos do Chan dá Pólvora e repase os seus sucos co dedo, pronunciando un esconxuro.

A Santa Compaña tamén se pode aparecer no arquipélago de Sálvora: Segundo as crenzas populares, sae de entre as pedras da Gralleira os venres e percorre a illa pasando pola Aldea. Dende alí, segue ata a praia dos Bois, onde se embarca en dirección á illa de Noro, onde volve desaparecer. Os PX que se crucen con ela en Sálvora só poderán ser liberados de seguir a esta funesta comitiva extraendo a espada de Escalibor da súa rocha, unha operación non exenta de riscos, pois non todos poden facelo e as penas do Milreu se atopan na ruta da Compaña.

Español