III- Mecánica do xogo

Event roll

A Tirada de Evento conforma a segunda parte da quenda dun PX, pois faise despois da Tirada de Movemento. Nos casos nos que a Tirada de Movemento non se teña realizado (xa sexa por renuncia do propio PX ou por calquera circunstancia que lle impida mover), farase directamente a Tirada de Evento, sen importar que ese PX xa teña realizado unha Tirada de Evento nese mesmo Eido na quenda anterior. 

A Tirada de Evento debe facerse en todas as quendas por parte dos PX, cunha excepción: cando o PX se atopa no seu Lar, a onde pode acudir en calquera momento da partida para sandar as súas feridas ou depositar algunha das moedas.

Cando un PX viaxa a lombos dun animal, a Tirada de Evento resólvense do mesmo xeito que se se movesen polos seus propios medios, coa única diferencia dos resultados de accidente.

Na Tirada de Evento, o PX tira o dado. En función dos resultados, acontece o seguinte:

Resultado de 1: “Moeda ou Pista”

Se o PX está nun Eido de terra ou mergullado ata o fondo dun Eido de mar, o DX consulta a Guía de Eidos nas Follas de Dirección do Xogo. Se aí ten apuntado que nese Eido está agochada algunha das moedas perdidas, o PX faise con ela. En caso contrario, o DX revela unha pista do paradoiro dalgunha destas pezas.

Se o PX está sobre a superficie do mar (nadando, flotando en situación de Movemento Errante, sobre unha montura que non se ten mergullado ou navegando nunha embarcación) non pode ver o que hai no fondo, polo que lle será imposible atopar moedas e calquera pista sobre elas. Para iso debe ter feito unha inmersión sacrificando a súa Tirada de Movemento, algo que ten que anunciar no momento da Tirada de Movemento. Excepción a isto son os PX mariños ou os PX que viaxan sobre monturas acuáticas (arroaces, quenllas, etc) que poden desprazarse pola superficie do mar e facer inmersións no Eido onde rematan o seu movemento.

Se o PX vai polo aire (a lombos dalgunha montura voadora ou en condicións de Movemento Errante por aire) o PX tampouco divisará moedas ou pistas. Para iso tería que ter aterrado antes da Tirada de Movemento, e renunciar a esta. Como se dixo na sección mergullo certas aves teñen a capacidade de facer picados sobre o mar acadar o fondo sacrificando algúns Puntos de Movemento para iso. Na ficha de cada especie indícase se pode facer inmersións no mar e cantos PtMv lle custa.

Resultado de 2: “Obxecto”

Se o PX está nun Eido de terra ou mergullado ata o fondo dun Eido de mar o DX comprobará na Guía de Eidos se nese punto hai algún obxecto que ese PX poida atopar. 

Se está sobre a superficie do mar, só encontrará os obxectos que na Guía de Eidos se indique que flotan sobre a superficie. 

Se o PX está no aire (a lombos dalgunha montura voadora ou en condicións de Movemento Errante por Aire) non atopará nada. 

Resultado de 3: “Planta especial”

Se o PX está nun Eido de terra ou mergullado ata o fondo dun Eido de mar, o DX consulta a Guía de Eidos para comprobar se nese Eido hai algunha planta especial, que en función da especie terá certas propiedades curativas ou máxicas.

Se está sobre a superficie do mar, só encontrará as algas que na Guía de Eidos se indique que están flotando no mar.

Se o PX está no aire (a lombos dalgunha montura voadora ou en condicións de Movemento Errante por Aire) non atopará nada. 

Resultado de 4: “Animal natural”

O PX debe facer unha tirada na táboa de fauna (na sección Táboas de Fauna, incluída nas Follas de Dirección do Xogo a continuación da Guía de Eidos) a táboa correspondente ao Tipo de Eido no que está para ver se atopa algún animal e cal. Se vai voando, debe comprobar os resultados na táboa “Voando”.

Resultado de 5: “Ser máxico”

O DX, logo de mirar a Guía de Eidos, comunica ao PX se nese Eido hai algún tipo de ser máxico (un animal máxico, un PNX, un monstro ou o Señor ou Señora das Illas).

Resultado de 6: “Accidente”

O PX sofre un accidente, con distintas consecuencias en función Tipo de Eido no que estea e da forma de desprazamento. Para ver que lle acontece, o PX deberá tirar o dado e o DX comprobará o posible dano na Táboa de Accidentes (que se atopa nas Follas de Dirección do Xogo logo das Táboas de Fauna). Aí aparecerá indicada a Tirada de Dano que deberá facer o PX.

English (UK)
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.