III- Mecánica do xogo

Tirada de Dano

A Tirada de Dano determina os efectos do golpe que un personaxe ou animal asesta a outro ao impactalo nunha loita. Unha vez obtido o resultado, consúltase a Táboa de Dano para coñecer o dano efectivo. 

nA e nR

Cada criatura do xogo ten un valor de nA propio que representa a capacidade que ten de causar dano polos seus propios medios (puños, gadoupas, dentes, forza corporal etc.), e un nR, que equivale á súa capacidade de resistir os golpes. Ademais, os personaxes que teñan superado ao seu rival nunha Tirada de Ataque empregando unha arma, poderán sumar o nA desa arma ao seu propio na Tirada de Dano, e os personaxes que teñan sido superados por unha Tirada de Ataque (ou sexa, que teñan sido alcanzados por un golpe do seu agresor), e leven unha armadura (o que inclúe cascos e outras pezas de protección pasiva), poderán engadir o nR desa armadura ao seu nR para tratar de reducir o dano.

Como resolver a Tirada de Dano

O resultado da Tirada de Dano vén dado pola seguinte fórmula:

nA de atacante + nA de arma de atacante – nR de vítima – nR de armadura de vítima + dado

Ou sexa: tómase o nA propio da criatura que causa o dano e, se se trata dun personaxe que empregou unha arma, súmase o nA desta. A este valor réstase o nR propio da criatura golpeada e o nR da súa armadura e/ou do seu casco, se leva. Á cifra obtida, súmase o resultado dunha tirada de dado.

Unha vez calculado o valor final da Tirada de Dano, interprétase segundo se establece na Táboa de Dano.

English (UK)