III- Mecánica do xogo

Recoller e transportar as moedas con axuda de animais

Algúns animais poden transportar moedas, sempre que estean controlados por un PX e se despracen de xeito conxunto con el (é dicir, se son a súa montura, se van tirando do seu vehículo ou se simplemente viaxan ao seu carón).

Do mesmo xeito, para recoller a moeda deben estar no mesmo Eido que o PX que os controla, pois é este quen fai a Tirada de Evento para atopala e quen lles indica que é o que deben recoller. Así, se un PX quere explorar o fondo dun Eido mariño coa axuda dun animal, terá que mergullarse agarrado a este. En caso de atopar a moeda, o animal poderá agarrala co bico, a boca ou as patas. 

A xente cativa e os oestrimios poden navegar a bordo de embarcacións atadas con finas cordas feitas de tea de araña trenzadas a un caranguexo ou camarón que vai camiñando polo fondo. Estes animais están adestrados para identificar as moedas, de xeito que se o PX que se atopa na barca saca un 1 na Tirada de Evento, será o animal o que atope a moeda no fondo, se é que a moeda está nese Eido. En caso de non haber aí ningunha moeda, non recibirá ningunha pista, pois os animais non son quen de interpretalas. Todos os demais resultados da Tirada de Evento (2, 3, 4, 5 e 6) aplicaranse sobre o PX que está na superficie do mar a bordo da barca, polo que será el quen atope posibles algas flotantes, animais ou seres máxicos, e o que sofra accidentes.

Os almuices e os oestrimios tamén poden mergullarse no Submarino de Buguina ou na Vieira da Serea de Sálvora, respectivamente. Para coller a moeda do fondo, os almuices que viaxan no submarino deberán empregar o animal que tira do submarino (normalmente un polbo). No caso dos oestrimios, será a propia vieira a que recolla a moeda coas súas valvas.

Animais que poden recoller e cargar moedas

Calquera animal cun tamaño superior a CT-5 ( CT é “Categoría de Tamaño”) pode recoller e transportar dúas moedas ao mesmo tempo. Os animais de CT-5 poden recoller e cargar cunha soa moeda de cada vez. Algúns animais de CT-4, como os caranguexos queimacasas, as vacalouras ou os cabaliños do demo, son quen de levantar e transportar unha moeda. Esta capacidade, extraordinaria entre as especies de CT-4 vén apuntada na ficha destes animais.

Todos os vehículos do xogo poden transportar moedas. No caso dos vehículos máis pequenos, como o carro de cunchas dos oestrimios, especificarase a cantidade e tipo de animais de tiro necesarios para iso. 

English (UK)