III- Mecánica do xogo

Tirada de Movemento Errante por Aire

Hai seres, como os oestrimios, cuxo tamaño insignificante os fai susceptibles de seren arrastrados polo vento. Incluso en condicións de bo tempo, as correntes de aire que sopran de xeito perenne nos cantís poden arrincalos da superficie das rochas e levalos a decenas ou centenares de metros. Esta situación en que unha criatura é transportada polo vento denomínase “Movemento Errante por Aire”. Igual que acontece co Movemento Errante por Mar, o PX en Movemento Errante por Aire debe facer unha tirada obrigatoria que substitúe á Tirada de Movemento normal. 

Os resultados desta tirada interprétanse como segue:

♦   Resultado de 1: o vento deixa ao PX ileso na superficie do Eido adxacente que teña a numeración máis alta. Na seguinte quenda poderá continuar o seu movemento normal dende aí. Se este Eido é un Eido de mar, o PX entrará en Movemento Errante por Mar na seguinte quenda.

♦   Resultado de 2: o vento pousa ao PX ileso na superficie do Eido adxacente que teña a numeración máis baixa. Na seguinte quenda poderá continuar o seu movemento normal dende aí.  Se este Eido é un Eido de mar, o PX entrará en Movemento Errante por Mar na seguinte quenda.

♦   Resultado de 3: o vento despraza ao PX ao Eido adxacente que teña a numeración máis alta. Na seguinte quenda seguirá en Movemento Errante por Aire.

♦   Resultado de 4: o vento despraza ao PX ao Eido adxacente que teña a numeración máis baixa. Na seguinte quenda seguirá en Movemento Errante por Aire.

♦   Resultado de 5: se o PX voa sobre un Eido de terra, o vento o lanza contra o chan nese mesmo Eido. O PX tirará o dado e restará 1. Esta cifra indicará o dano que sofre na Táboa de Dano. Se está sobre un Eido de mar, caerá a auga sen sufrir danos e na seguinte quenda entrará en Movemento Errante por Mar.

♦   Resultado de 6: se o PX voa sobre un Eido de terra, o vento o lanza contra o chan nese mesmo Eido. O PX tirará o dado. Ese resultado indicará o dano que sofre na Táboa de Dano. Se está sobre un Eido de mar, caerá a auga e afogará engulido por unha onda.

Galego