Seres máxicos das Cíes

Os rabusos das Cíes

Estes personaxes están tomados da tradición oral do Morrazo. Trátase dun tipo de trasnos de reducido tamaño (aproximadamente dúas cuartas de altura), de aspecto grácil e fibroso, moi áxiles nos seus desprazamentos por rocas e cantís. Característico deles son os panos de liño que levan enrolados na cabeza, deixando un cabo solto que fai que, a ollos dos humanos que teñen a vista máxica, semellen unha especie de grandes ratos ou gatos cando se moven fugaces entre as sombras, confundindo os cabos do pano co rabo que lles da nome.

No universo do xogo, suponse que os rabusos chegaron ás Cíes xunto cos monxes benedictinos ou franciscanos que se estableceron alí na Idade Media. Pronto, pasaron de habitar as despensas dos monxes ás altas rochas das Cíes, onde trabaron amizade coas gaivotas patiamarelas, cuxa lingua comprenden. Co paso do tempo, soldaron un pacto de colaboración mutua con estas aves, gardando os seus niños do ataque das ratas e os visóns americanos. A cambio, os rabusos reciben peixe fresco ou algunha xoia ou pequeno tesouro que as aves tivesen atopado na praia ou roubado a algún turista descoidado. 

Algúns rabusos axudan a pescar ás gaivotas, e viaxan montados sobre elas polos mares a ceos de Cíes. Con todo, para buscar a moeda perdida nas augas que rodean o arquipélago, precisan montar aves coas que non teñen unha relación tan estreita, como a pardela cincenta ou o mascato.

Os rabusos e as rabusas son torpes sobre a area. Con todo, grazas ao seu pequeno tamaño, desprázanse case coa mesma facilidade por uzais e matogueiras que polas rochas dos cantís. Nas toxeiras se moven con mais cautela, para non enredar o seu característico pano nas espiñas. O seu tamaño fainos vulnerables -especialmente cando están lonxe dos seus rochafortes nas paredes de rocha- ante as aves de rapina que ocasionalmente sobrevoan as illas. Tamén os visóns americanos son un perigo para fillos deste pobo; así como as garzas, cando dan con algún deles buscando bivalvos na lagoa. No mar, os rabusos e as rabusas poden ser presa das quenllas que ás veces se atopan nestas augas.

Galego