Seres máxicos das Cíes
Os herminios das Cíes
Os herminios son unha lendaria tribo que, no xogo, vive agachada baixo as ruínas do Castro das Hortas, en Cíes. Disque descenden da última tribo lusitana que resistiu a Xulio César. Ante o avance das cohortes romanas, o pobo herminio fuxiu cara a illa de Albiano, como eles chamaban á illa do Medio das Cíes, onde existía un altar aos deuses, que co seu favor convertían ás illas nun refuxio inexpugnable. Segundo a lenda, César non puido derrotar aos herminios polas armas e tivo que rendelos logo dun asedio por fame. Pero no mundo das Illas das Marabillas, como adoita acontecer nas narracións galegas sobre os antigos habitantes dos castros, os máis orgullosos de entre os herminios non se entregaron a César e pasaron a teren unha escura e máxica existencia baixo o castro. Os herminios viven nun tempo distinto, e o que para eles é unha noite, para nós son varios anos, polo que é difícil velos fóra da súa subterránea morada. Só saen en momentos sinalados do ano, e odian por igual a humanos, rabusos e soliños, a quen consideran sacrílegos invasores das súas illas. Din quen os viron que teñen un aspecto feroz, de case 3 m. de altura e loiras barbas e guedellas, e teñen cabalos igualmente xigantes capaces de dar formidables brincos entre os penedos e cabalgar polo como se as ondas non fosen máis que unha tenue brétema. Disque estes máxicos corceis son descendentes das éguas lusitanas que, segundo sostiñan Homero e Aristóteles, eran preñadas por Céfiro, o deus do vento de poñente, e por iso daban poldros tan veloces.