Seres máxicos de Ons
Os almuiuces de Ons
Este é un pobo de piratas máxicos do que conta unha lenda que arrasou a cidade da Coruña, disfrazando as súas embarcacións con vexetación e converténdoas en illas flotantes. Aparecen tamén citados na crónica de Alfonso X o Sabio, onde se di que chegaron desde o norte, e parecen corresponderse cos normandos, a quen os musulmáns chamaban Al-Mayus (os magos). Con todo, o propio Alfonso X recolle unha lenda sobre eles na que os fai orixinarios de Caldea.
No xogo, este pobo é fillo dos djinn ou xenios do folclore bereber, e tería chegado a estas illas cos almorábides que arrasaron as rías galegas galegas nos séculos XI-XII. Como aconteceu con outros seres máxicos, os almuiuces foron minguando de tamaño co tempo e o esquecemento da súa existencia. Actualmente, a súa altura é de apenas unha cuarta, a metade que a dos rabusos. Como estes, grazas ao reducido tamaño e aos moitos séculos de adaptación á vida na illa, os almuices e almuiuzas trabaron unha estreita relación cunha especie de aves, neste caso, cos corvos mariños, entre cuxas colonias se asentaron.
Respecto dos rabusos, os almuiuces teñen unha maior habilidade para atravesar as abas poboadas de toxos, nas que trazan segredas corredoiras. Tamén son máis áxiles sobre a area, pero non son tan bos escaladores das paredes de rocha.
Os almuices e almuizas adoitan viaxar a lombos dos corvos mariños, tanto polo aire como baixo o mar e sobre a superficie das ondas, onde amosan unha estampa que lembra vagamente unha versión en miniatura das embarcacións almorábides de escuro velame. Superando unha proba máis difícil, poden aprender a mergullarse agarrados a un arao a grandes profundidades.
Tal e como amosa a lenda popular da súa invasión á Coruña, os almuiuces son xente enxeñosa. Así, para percorrer os fondos mariños son quen de fabricar batiscafos con cunchas e buguinas, que ademais de permitirlles preservar unha burbulla de aire no seu interior, constitúen unha boa protección contra o ataque de quenllas e monstros mariños. Unha vez baixo a auga, xonguen este dispositivo a un polbo ou unha recua de sepias, uns animais tan destros na arte do disfrace coma os propios almuices.
En terra, estes pequenos xenios deben gardarse da cobra de escada, así como das aves rapaces, que poden confundilos con apetitosos pitiños.
A habilidade para a camuflaxe dos almuices lles da a opción de se esconder de calquera perigo se teñen o tempo de reacción suficiente.