III- Mecánica do xogo

Mergullarse no mar

Algúns PX, PNX e animais terrestres ou voadores teñen a capacidade de se somerxer baixo a superficie do mar. A meirande parte deles, para facer este desprazamento vertical deben renunciar ao desprazamento entre Eidos. É dicir, só poden mergullarse no Eido no que se atopan se renuncian á Tirada de Movemento.

Tempo máximo de permanencia baixo a auga

Á marxe dos PX mariños, que como seres acuáticos non teñen limitacións para permaneceren baixo a auga e se desprazaren entre os Eidos de mar coma os peixes, entre os PX só os almuices de Ons son quen de permanecer dúas quendas seguidas mergullados, e polo tanto, moverse dous Eidos deste xeito. Rabusos, soliños, mouros e carcamáns poden mergullarse, mais terán que volver á superficie para respirar ao rematar a quenda, unha vez resolta a Tirada de Evento no fondo do mar. Os oestrimios e a xente cativa precisan de vehículos submarinos para facer as inmersións, o que lles da a posibilidade de ficar baixo a auga varias quendas seguidas. Entre os PNX é salientable o caso dos saefes, que se ben son demasiado pesados para flotar, por estar feitos de rocha, non teñen problema en camiñar polos fondos mariños o tempo que desexen. 

Algunhas aves, como o mascato, o corvo mariño ou as gaivotas, teñen a capacidade de avanzar varios Eidos voando e, na mesma quenda, facer inmersións no mar empregando para iso unha determinada cantidade de Puntos de Movemento .

Profundidade máxima

Cada criatura ten un límite de profundidade que pode acadar por si mesma. Se un PX, por exemplo, ten como límite os 5 m, non se poderá mergullar nos Eidos que non teñan polo menos unha zona aquén da liña de profundidade dos 5 m (Lémbrese que as liñas de profundidade do mar -batimetría- veñen indicadas nos taboleiros polas liñas brancas borrosas, como se expón en Explicación das zonas de mar)

Seres mariños

Naturalmente, os animais estritamente acuáticos (invertebrados mariños, peixes, cetáceos, etc), poden desprazarse baixo a auga e acadar calquera profundidade das representadas no mapa (salvo que na súa ficha se indique algún límite de profundidade) sen renunciaren á Tirada de Movemento nesa quenda, igual que acontece cos PX mariños.

Galego