III- Mecánica do xogo

Loitas entre máis de dous PX

Nas partidas competitivas, cando máis de dous PX concorren nun mesmo Eido poden darse situacións de combate múltiple. Os animais aliados que cada PX poida involucrar non contan a estes efectos, pois para implicalos o PX terá que delegar as súas Tiradas de Ataque ou Defensa nun deles. Pode acontecer que nese mesmo Eido apareza unha criatura controlada polo DX como resultado dunha Tirada de Evento por parte de calquera dos PX presentes, mais esa criatura só interactuará co PX que a atopou, pois ou ben a criatura se converte nun animal aliado (se era un animal) ou ben desaparece logo da interacción co PX (lémbrese que, nesta versión do regulamento, incluso se a criatura ataca ao PX e consegue impactalo desaparece unha vez resolta a Tirada de Dano).

Loita entre máis de dous PX presentes nun mesmo Eido

A loita entre máis de dous PX resólvese como a Loita entre dous PX, coas seguintes diferenzas:

Se o PX que está na súa quenda quere atacar terá que elixir contra cal dos seus rivais o fai. Este responderá cunha Tirada de Defensa ou Escape nesa mesma quenda. Se supera a Tirada de Escape, evitará ser alcanzado nese lance, mais ficará nese Eido. 

En cambio, se o PX que está na súa quenda prefire saír dese Eido e afastarse de aí (para o que deberá imporse cunha Tirada de Escape antes de poder realizar unha Tirada de Movemento), cada un dos PX presentes nese Eido terá a opción de realizar unha Tirada de Ataque como resposta: 

♦   Se calquera deles supera ao PX que intenta a fuxida, esta será frustrada, e cada un dos rivais que o teña superado executará unha Tirada de Dano contra el. Así, un PX que intenta escapar dun combate contra varios contendentes e non o consegue pode recibir múltiples danos. 

♦   Se o PX logra obter un resultado máis alto na súa Tirada de Escape que calquera Tirada de Ataque dos seus rivais, poderá facer unha Tirada de Movemento a continuación. Se nesta non consegue saír dese Eido, continuará ao alcance dos demais PX, que o poderán atacar cando chegue a súa propia quenda.

Unha vez resolto o Ataque, ou cando a Tirada de Escape ou a de Movemento posterior non lle permiten abandonar ese Eido, o PX que está na súa quenda deberá realizar a Tirada de Evento, o que pode dar lugar á aparición dun PNX, monstro ou animal hostil. Ante un ataque desta criatura, o PX pode facer unha Tirada Defensiva ou unha Tirada de Escape. Se intenta unha Tirada de Escape, só a criatura que acaba de aparecer fará unha Tirada de Ataque contra el. 

Galego