III- Mecánica do xogo

Loita entre dous PX

Nas partidas competitivas, un PX pode atacar a outro PX. O pode facer tanto nunha loita corpo a corpo como por medio dunha Tirada de Ataque a Distancia. Tamén pode delegar o ataque nun animal aliado, tanto se ambos PX e o animal están no mesmo Eido como si non o están e o PX envía o seu animal axudante nunha misión de ataque.

A diferenza dos combates entre un PX e unha criatura controlada polo DX, as loitas entre dous PX poden prolongarse varias quendas. Cada PX pode facer unha Tirada de Ataque na súa quenda, ao que o seu rival pode responder cunha Tirada de Defensa ou unha Tirada de Escape nesa mesma quenda.

Fuxir dun combate xa iniciado

Un PX que foi atacado fóra da súa quenda por outro PX non poderá facer unha Tirada de Movemento cando chegue a súa quenda sen primeiro derrotar ao seu rival (causándolle unha ferida que o deixe polo menos inmobilizado) ou sen facer antes unha Tirada de Escape. Neste caso, a Tirada de Escape faise en primeiro lugar, e o outro PX pode decidir se responde (ou non) cunha Tirada de Ataque nesa mesma quenda.

Se a Tirada de Escape do PX que quere afastarse de alí supera ou iguala a Tirada de Ataque do seu rival, o primeiro poderá facer unha Tirada de Movemento a continuación (incluída unha Tirada de Movemento a lombos dunha montura, se a ten). En caso contrario, se a Tirada de Ataque supera o resultado da Tirada de Escape, o PX que fixo a Tirada de Ataque procederá a realizar unha Tirada de Dano. Con independencia do resultado desta, o PX que está na súa quenda non poderá facer Tirada de Movemento, e deberá pasar directamente á Tirada de Evento.

Recoller o botín

O PX que vence a outro nun combate -aínda que non o mate, basta con que lle cause unha ferida que o deixe inmobilizado, é dicir, unha terceira Ferida Grave, ou unha Ferida Mortal-; pode facerse con todos os bens do derrotado, isto é: coas armas, armaduras, plantas especiais e moedas que este poida levar. En cambio, os animais aliados que o PX vencido puidera levar consigo, desaparecerán.

Galego