III- Mecánica do xogo
Loita
Durante o xogo poden darse situacións nas que un PX sexa atacado por outra criatura. Estes ataques poden darse por parte dunha criatura que está no mesmo Eido que o PX ou por parte dun PX que está noutro Eido e emprega unha arma de ataque a distancia.
Nesta versión das regras, os PX nunca atacan en primeiro lugar a unha criatura controlada polo DX. Non obstante, en caso de xogar en modalidade competitiva si poderán atacar a outro PX.
As criaturas controladas polo DX non se atacan entre si.
Un personaxe ou animal que resulta superado polo atacante nunha Tirada de Loita pode sufrir danos de diversa consideración ou ben resultar indemne. Para determinar os efectos dun ataque exitoso, o atacante fará unha Tirada de Dano.
Os combates coas criaturas controladas polo DX só duran un lance (é dicir, unha Tirada de Ataque por parte da criatura e unha Tirada de Defensa ou de Escape como resposta do PX). Resolta esta interacción, e con independencia do resultado da mesma, a criatura controlada polo DX desaparecerá.