Select Page

IV- Mecánica do xogo

Estrutura da quenda dos PX

Cada PX fai dúas tiradas consecutivas na súa quenda: unha tirada para moverse polo taboleiro, chamada Tirada de Movemento; e unha segunda tirada para ver se atopa algo ou sofre algún tipo de accidente, chamada Tirada de Evento. A Tirada de Movemento é opcional, salvo se o PX está en situación de Movemento Errante por Mar ou por Aire. A Tirada de Evento, en cambio, debe facerse en todas as quendas, salvo se o PX está curando as súas feridas nun Lar. A Tirada de Evento pode dar lugar a interaccións con animais, monstros, PNX ou SDI. Estas interaccións resolveranse a continuación da Tirada de Evento, antes de dar por rematada a quenda dese PX. Nalgúns momentos da partida, os PX poden facer accións antes da Tirada de Movemento (por exemplo, as Tiradas de Escape, necesarias para saír dun Eido onde hai outro PX co que se iniciou unha loita, as Tiradas de Ataque contra outro PX ou o envío dun animal aliado a cumprir unha misión). Así mesmo, un PX pode ter que facer tiradas fóra da súa quenda (isto acontece cando é atacado por outro PX).

Galego