III- Mecánica do xogo

Resultado na Tirada de Evento de “Seres máxicos”

Cando un PX obtén un resultado de 5 na Tirada de Evento, procederase de xeito análogo a cando o resultado é 3: o DX comprobará na Guía de Eidos se hai algún ser máxico nese Eido. Como calquera outro elemento que poden atopar os PX, cada un dos seres máxicos ten a súa Ficha nas Follas de Dirección do Xogo, onde se recollen os seus parámetros. 

Os seres máxicos poden ser de catro tipos:

Animais máxicos

Os animais máxicos son especies de fauna fantástica propias do folclore galego. Ao igual que os animais naturais, poden ter un carácter amigable, hostil ou neutral para cada tipo de PX, en función de que ese PX teña un modificador positivo, negativo ou non teña modificador algún con esa especie. Estes modificadores veñen recollidos na sección VcAn das Fichas de PX. Polo demais, os animais máxicos compórtanse igual que os naturais: se son amigables ou neutrais, os PX poden ignoralos ou ben realizar unha Tirada de Comunicación para convertelos nos seus aliados. Se son hostís, atacarán ao PX que os atope salvo que este consiga unha Tirada de Comunicación exitosa.

Monstruos

Os monstros son un tipo de animais máxicos especial por se trataren de individuos únicos, en xeral de gran tamaño e ferocidade. Todos os monstros son hostís a calquera PX, e nin sequera poden ser aplacados cunha Tirada de Comunicación. A única reacción posible para un PX que tropeza cun monstro é tratar de escapar ou defenderse do seu ataque.

Personaxes Non Xogadores (PNX)

En cada illa pode haber un ou máis tipos de PNX. Nesta versión das regras todos os PNX son hostís aos PX, a quen atacarán de xeito inmediato nada máis ser descubertos. Igual que acontece cos monstros, non é posible facer unha Tirada de Comunicación cos PNX, polo que non hai modo de evitar o ataque. 

O combate cos PNX desenvólvese coas mesmas regras que a loita cos animais: o PX pode facer unha Tirada de Escape ou ben unha Tirada de Defensa. A diferenza dos animais, porén, os PNX poden empuñar armas.

Señor ou Señora da Illa (SDI)

Cada un dos arquipélagos das Illas das Marabillas está gobernado, na dimensión máxica, por un personaxe de gran poder coñecido como Señor ou Señora da Illa. Estes seres senlleiros apareceranse aos PX que obteñan un resultado de 5 nunha Tirada de Evento en certos Eidos. A diferenza do que acontece cos demais seres, os encontros cos SDI só se darán unha vez por partida para cada PX. Así, unha vez que un xogador ou xogadora se tope con eles, xa non os verá máis (un novo resultado de 5 neses Eidos non producirá ningún resultado). 

Esta aristocracia feérica é sempre amigable, pero non se move do Eido no que aparece. A súa única función e conceder aos PX Dons ou agasallos, os cales poden consistir en capacidades especiais ou obxectos máxicos. Na ficha de cada un destes seres nas Follas de Dirección do Xogo detállase o que outorgan a cada tipo de PX.

Español