III- Mecánica do xogo

Resultado na Tirada de Evento de “Animal natural”

Se un PX obtén un 4 na Tirada de Evento, o DX buscará, nas Follas de Dirección do Xogo, a Táboa de Fauna correspondente ao tipo de Eido no que se atopa o PX (Por exemplo: Rochas costeiras, Bosque, Dunas, Eido de mar costeiro, etc) e pedirá ao PX que faga unha nova tirada de dado. En función do resultado desta tirada, mirarase nesa táboa a especie animal que atopa. 

Por exemplo, se o PX está no Eido 48 das Cíes (na Rexión de Monte Agudo), e na tirada para ver o tipo de animal que atopa saca un 3, o DX buscará na sección “Táboas de Fauna” a táboa de “Cantís con Toxeiras”, pois ese é o tipo de terreo dese Eido. Unha vez alí mirará a especie animal que aparece para o resultado de “3”, que neste caso é un Corvo mariño cristado.

No caso dos Eidos de mar, ás veces os resultados son distintos en función de o PX estea sobre a superficie ou somerxido baixo a auga. Se vai voando, deberanse consultar os resultados na táboa “Voando”. Neste caso só se teñen en conta os animais que poden atacar a outros durante o voo, como algunhas especies de rapaces, os anduróns, os morcegos e os cabaliños do demo.

Cada animal ten unha ficha na sección “Fichas” das Follas de Dirección do Xogo. Alí veñen indicadas as súas características: Valor de Movemento, PtMv que consume en cada tipo de terreo, Valor de Loita (VL), etc. 

Unha vez un animal entra no xogo, o DX colocará no Eido onde aparece a peza axeitada para representar ese animal.

En función de se o animal que se atopa é hostil, neutral ou amigable, o encontro pode ter distintas consecuencias, como se describe a continuación.

Animais amigables, hostís e neutrais

Cada PX ten na súa Ficha un listado das especies animais para as que ten un Valor de Comunicación (VcAn) positivo e aquelas para as que ten un valor negativo. As primeiras son especies amigables para el e as segundas hostís. As especies que non aparecen na lista considéranse neutrais para ese PX, é dicir, o seu VcAn vale 0. Un mesmo animal pode ser hostil para un tipo de PX e neutral ou amigable para outros.

Encontro con animais amigables ou neutrais

Se o PX atopa un animal que lle é amigable ou neutral, poderá elixir entre ignoralo ou tratar de convertelo no seu aliado: 

a) Se decide ignoralo, o animal simplemente desaparecerá (e volverá entrar no xogo se un PX saca un resultado de “Animal natural” nunha Tirada de Evento nese mesmo Eido)

b) Se quere convertelo en aliado, terá que facer unha Tirada de Comunicación con ese animal nesa mesma quenda. Se a supera, a partir da seguinte rolda poderá cabalgalo, facerse acompañar por el ou encargarlle misións. 

Encontro con animais hostís

Cando un PX atopa un animal que lle é hostil, só poderá evitar ser atacado por el de xeito inmediato se logra unha Tirada de Comunicación exitosa con ese animal. Se o consegue, o animal converterase no seu aliado (ver epígrafe anterior). Se fracasa, o animal o atacará.

Español