Seres máxicos das Cíes

Os soliños das Cíes

Os soliños e as soliñas son unha especie de seres máxicos dos que se fala no Morrazo, e que a crenza popular relaciona cos descendentes de María soliña. Non é moito o que se sabe deles, salvo que eran temidos ou rexeitados pola xente, que proxectaba sobre eles os prexuízos fabricados contra a súa devanceira. No universo do xogo, os soliños e as soliñas de Cíes teñen o aspecto de persoas desaliñados, fracos e miúdos (non adoitan superar 1,20 m. de altura), con profundos ollos negros e un aspecto un tanto espectral. Disque chegaron ás illas entre os colonos de Cangas que volveron repoboar o lugar a principios do s.XIX. e que, unha vez alí, marcados polo estigma que pesaba sobre a súa ascendencia, apartáronse do resto dos colonos para ocupar covas segredas ao bordo do mar, dedicados á pesca de baixura.

As xentes deste pobo móvense con grande habilidade sobre os areais, o monte baixo e os camiños, aínda que non son tan áxiles coma os rabusos nas paredes de rocha. Teñen máis dificultades nas toxeiras, e tampouco poden voar a lombos de ningún ave. A cambio, ningún animal das Cíes pode facerlle un dano mortal, salvo Monstros como a a chamada Lontra de Tirán ou a Raposa do Morrazo. A bordo das súas tradicionais gamelas, estas xentes mariñeiras poden desprazarse entre as illas. Expertos nadadores, son capaces de inmersións de ata dez minutos agarrados aos arroaces, aínda que para adquiriren o don de falar a linguaxe destes cetáceos necesitan atopar á pantasma de María Soliña, que se aparece algunhas veces entre a néboa dos cantís. 

Español