Seres máxicos de Sálvora

Os oestrimios de Sálvora

Os oestrimios son, xunto aos mouros de Ons, o máis antigos dos pobos máxicos das Illas Atlánticas. Son os herdeiros dos míticos oestrymnios, as xentes que, segundo o poeta romano Rufo Festo Avieno -quen a súa vez se inspirou en relatos máis antigos-, habitaban o noroeste de Iberia antes de seren expulsados polos saefes ou “pobo das serpes”. No folclore de Arousa consérvase a lenda de que o illote chamado Home de Sagres é na verdade o rei dos saefes petrificado polo encantamento dos oestrymnios, que así querían protexer a súa terra. 

No mundo do xogo, os oestrimios e as oestrimias preséntanse como uns seres minúsculos por efecto dun longo esquecemento de máis de dous mil anos. Nos últimos dez séculos, conseguiron sobrevivir á crecente antropización da súa contorna refuxiados nas dunas e uceiras de Sálvora, onde construíron fermosos palacios de cunchas. Actualmente, a piques de desapareceren, os que os coñecen contan que “son do tamaño do pole da herba de namorar”, aínda que en realidade son algo máis grandes, duns tres ou catro milímetros. O alcume débese a que habitan as pradarías tapizadas desta planta ao sur da illa. Por esta razón, unha silenciosa ameaza para a supervivencia deste pobo é a extensión da planta invasora coñecida como unlla de gato. Esta mala herba acaba cos fráxiles hábitats dos oestrimios e cos cultivos de liques e flores que están na base da súa economía.

Debido ao seu tamaño, os diminutos homes e mulleres deste pobo enténdense especialmente ben cos invertebrados. A bolboreta macaón e a bolboreta arlequín son as súas monturas favoritas, aínda que decotío tamén cabalgan sobre mosquitos. Para transportar o pole e os liques que colleitan, dispoñen de diminutos carros feitos de cunchas de berberechos e tirados por unha especie de dermáptero endémica desta illa, a forcadela de Sálvora. Nestes vehículos poden cargar tamén as moedas obxectivo das partidas, unha vez atopadas. 

Os oestrimios deben coidarse dos voraces anfibios, como o sapo raxado, a píntega e o tritón ibérico; e, sobre todo, dos reptís, antigos animais de presa dos saefes. A lagarta dos penedos, o gran lagarto arnal e a cobra lagarteira son para eles terribles dragóns. 

Para explorar os fondos mariños, os oestrimios viaxan dentro de delicadas burbullas de aire creadas pola Serea de Sálvora, que as adhire dun sopro submarino á cuncha dunha vieira viva. Conducida por eles, esta vieira desprázase baixa a auga co característico bater de cunchas deste tipo de moluscos, e é capaz de cavar os fondos areosos e capturar entre as súas valvas a moeda perdida nestes fondos. Con todo, estas exploracións subacuáticas son moi perigosas, xa que calquera evento ou animal acuático que perturbe o nado da vieira pode causar a ruptura da burbulla de aire na que viaxa a súa diminuta tripulación e causar o afogo inmediato desta.

Se alguén consegue sacar da rocha do Milreu a mítica espada de Escalibor, os oestrimios recuperarán o tamaño e aparencia dos seus míticos devanceiros, e se volverán moi semellantes aos mouros luminosos.