Seleccionar página

IV- Mecánica do xogo

Feridas

Os PX poden resultar feridos como consecuencia de accidentes ou loitas.

Os PNX e animais non sofren accidentes, polo que só poden resultar feridos cando son atacados e superados nunha Tirada de Loita.

 Cada animal ou personaxe do xogo pode sufrir cinco tipos de feridas, dende a Ferida de Shock, que non ten efectos permanentes, ata a Ferida Fulminante, que remata de xeito instantáneo coa vida dese personaxe ou animal.

Todas as feridas non fulminantes poden curar con plantas medicinais (que son un tipo de plantas especiais).

Os cinco tipos de feridas

♦   Shock (xSk): O Shock non é unha ferida propiamente dita, mais un estado temporal de atordamento. Isto significa que ata a súa seguinte quenda -inclusive- a criatura en shock estará incapacitada para realizar calquera tipo de acción: non poderá mover, nin facer Tiradas de Ataque, Defensa ou Escape. Se é atacada, realizarase unha Tirada de Dano contra ela de xeito automático. No caso dos PX, ademais do anterior, tampouco poderá facer Tiradas de Comunicación ou de Control de Montura, mais si terá que realizar Tirada de Evento, se ben só se terán en conta os resultados de 4, 5 e 6 (os resultados de 1-3 ignoraranse).

♦   Ferida Leve (xLv): Este tipo de feridas equivalen a unha torcedura dun pulso ou nocello, a unha contusión pouco importante ou a un racho ou corte non moi fondo. Se a vítima é un PX, marcará unha casiña da sección “feridas leves” da súa ficha. Se é un animal aliado dun PX, o PX apuntará o dano na súa propia ficha, no espazo destinado para iso na sección “Criaturas Aliadas” — > “Feridas”.

Por cada tres feridas leves que acumule unha criatura marcarase unha Ferida Grave (xGv).

♦   Ferida Grave (xGv): Estas mancaduras son máis serias que as feridas leves, mais o procedemento para marcalas e semellante: se a vítima é un PX ou un animal controlado por un PX, este marcará a ferida na súa Ficha de PX. Se a vítima chega á terceira Ferida Grave, ficará inmobilizada, coas mesmas limitacións que se padecese unha Ferida Mortal. Non obstante, a diferenza do que acontece coas feridas mortais, a súa vida non correrá perigo, polo que non terá que facer as tiradas para determinar as roldas de vida que lle quedan.

♦   Ferida Mortal (xMt): o PX fica inmobilizado. Deberá facer dúas tiradas de dado e sumar o resultado, que fixará o número de roldas que lle quedan antes de morrer por mor do dano sofrido. Durante esas quendas, non poderá mover nin facer Tiradas de Ataque, Defensa ou Escape. Se é atacado, farase Tirada de Dano contra el de xeito automático. Si poderá facer Tiradas de Comunicación, mais non Tiradas de Control de Montura (se sofre un accidente mentres vai a lombos dunha montura, caerá sen poder evitalo). A diferenza do que acontece con outras feridas, as feridas mortais non as pode tratar el mesmo aínda que teña as plantas necesarias. Precisa que outro PX o atenda ou que un animal aliado o traslade ao seu Lar. Se non é atendido ou levado ao seu Lar (ou ao Lar doutro PX nas partidas colaborativas) antes de consumir as quendas que lle quedan, será eliminado da partida.

♦   Ferida Fulminante (xFt): unha criatura que recibe unha Ferida Fulminante é eliminada de xeito instantáneo.

Español