Seres máxicos de Cortegada

A xente cativa de Cortegada

Son poucas as referencias a estes seres en Galicia, pero hai algunha noticia dela na ribeira setentrional da ría de Arousa, en Boiro e Nime. No mundo do xogo, á illa de Cortegada terían chegado restos dos antigos clans desta especie fuxindo da presión humana. Chamados tamén “xente pequena”, son do tamaño dun polgar humano, e constrúen delicadas vivendas entre as pólas das árbores que os seres humanos non poden distinguir dos niños de paxaros ou das formas caprichosas da hedra. 

Os homes e mulleres desta diminuta sociedade aprenden desde a infancia a lingua dos paporroibos e os xílgaros, os cales lles serven como monturas aéreas cando precisan viaxar ao continente ou a outros arquipélagos. Algúns mozos e mozas se especializan no difícil arte da pesca a lombos de martiños pesqueiros, e fan vos rasantes sobre as augas quedas fronte a Carril como fugaces fadas azuis. En correspondencia, a xente cativa protexe os niños destas especies da acción dos humanos, que ás veces irrompen no seu territorio causando gran balbordo e desfeitas no tecido vexetal. A xente cativa tamén habita o chan fértil e húmido da illa, onde practica unha agricultura de subsistencia consistente no cultivo de musgo e cogomelos. Neste espazo a rentes do solo, as súas bestas de traballo son os ourizos, os murgaños e os ratos de campo; mais deben coidarse das teimosas ratas, dos imprevisibles falcóns peregrinos e, nas zonas preto da auga, do afiado pico das garzas. Para se ocultar en momentos de perigo, a xente cativa conta coa colaboración das toupas, cuxa extensa rede de galerías, que abrangue por todo o subsolo da illa, aproveitan para viaxar de forma segura dun lugar a outro. Mais nin estes túneles segredos están libres de perigo, pois alí se internan tamén os sapos e a cobra lagarteira. Polas noites, a xente cativa fai roldas para previr o ataque de curuxas e morcegos, que en ocasións asedian as súas aldeas colgantes nas pólas das árbores.

Entre os pobos máxicos, os seus maiores inimigos son os bárbaros canouros, a outra tribo do bosque.