Select Page

II- Aspectos xerais

Eidos e Rexións

Os Eidos

As distintas “cuadrículas” en que está dividido o taboleiro denomínanse Eidos, tanto no mar como na terra. Na zona de mar, os Eidos correspóndense cos segmentos de aspecto triangular definidos polas liñas rectas de cor dourada escura, con independencia de que estas sexan continuas ou descontinuas. Nas zonas de terra, os Eidos son as parcelas irregulares limitadas por liñas negras ou brancas descontinuas. Como se ve, os Eidos de terra son máis pequenos. As distintas cores e tramas que presentan simbolizan os distintos Tipos de Terreo, se ben nesta versión simplificada das regras só se teñen en conta tres tipos de Eidos de Terra: os de Cantís de Rochas, os de Cantís con Toxeiras e os demais, denominados “Outros Eidos de Terra”.

As Rexións

As liñas brancas descontinuas que bordean un conxunto de Eidos de terra sinalan as fronteiras das “rexións” en que se divide o mundo dos habitantes máxicos das illas. Os nomes das rexións, impresos en letras brancas, están tomados da toponimia real dos arquipélagos e no mundo do xogo representan territorios imaxinarios con cadansúa historia. A efectos de movemento, as liñas grosas descontinuas funcionan igual que as liñas escuras: marcan os límites dun Eido. As rexións non teñen ningunha función na mecánica do xogo, máis alá de serviren como referencia para dar algunha pista avanzada sobre a ubicación dalgunha das moedas ou para agrupar os Eidos de terra na Guía de Eidos.

Os números sobre os Eidos

Enriba de cada Eido hai impreso un “número de Eido” que permite identificalos. Deste xeito, o Director ou Directora de Xogo (DX) pode localizar no taboleiro onde están os elementos marcados na Guía de Eidos, incluídas as moedas perdidas que el mesmo debe situar. En versións máis avanzadas das regras, os números de Eido tamén serven para ubicar lugares especiais que se poden explorar, así como elementos que o DX pode colocar discrecionalmente sobre o mapa.

Os números dos Eidos de terra teñen unha cor branca, salvo no caso dos Eidos amarelos (toxeiras) ou os Eidos de cor Bordeos (cantís con toxeiras, ausentes dos arquipélagos de Sálvora e Cortegada), en que presentan unha cor vermella ou amarela, respectivamente. No mar, os números de Eido están en cursiva, e poden figurar en cor branca (representando zonas de “mar aberto” ou “costa tranquila”) ou vermella (indicando zonas de “costa perigosa”). Os números en negro seguidos de “m.” que hai nalgúns puntos da zona de mar non son números de Eido, senón que indican a profundidade da auga na área comprendida entre as dúas liñas brancas semi-borrosas máis próximas. 

As liñas amarelas das costas e os Eidos marcados cun número e unha letra

Pódense observar nos taboleiros dúas liñas amarelas que rodean o conxunto dos Eidos de terra. Unha delas está máis cinxida a costa, e outra, máis exterior, semella adentrarse no mar. Trátase da liña de costa, que varía en función do estado da marea: coa marea alta, a liña de costa vén indicada pola liña amarela máis interior. Coa marea baixa, o mar retrocede ata a liña máis externa, e unha serie de Eidos entre elas, marcados por un número e unha letra (por exemplo: 11b, 88c, 165e… escritos coa tipografía dos Eidos de Terra e non en cursiva como os de mar), fican emerxidos. Nesta versión das regras non hai cambio de marea: esta está sempre alta, de xeito que a liña de costa fica definida pola liña amarela interior, a partir da cal, comezan os Eidos de mar divididos polas liñas rectas de cor dourada escura e numerados en cursiva. Os Eidos entremareas, marcados cun número e unha letra, ignoraranse.

Se seguimos as dúas liñas amarelas veremos que algúns dos Eidos individualizados cun número e unha letra non resultan somerxidos na súa totalidade coa marea alta, senón que se reducen a illotes, pois están aquén da liña amarela máis interior. Tamén pode darse que haxa illotes compostos por un Eido marcado cun número e varios Eidos adxacentes marcados cun número e unha letra, a pesar de estaren todos do lado terrestre da liña da preamar. Nestes casos aplicarase igualmente a regra xeral: os Eidos marcados con número e letra non se terán en conta, de xeito que os xogadores e xogadoras non poderán desprazar os seus peóns sobre eles.

  

Galego