II- Preparación da partida

A Guía de Eidos

Esta sección das Follas de Dirección do Xogo permite ao DX coñecer os elementos que un PX pode atopar en cada un dos Eidos do taboleiro (salvo os Eidos numerados cun número seguido dunha letra, que non se teñen en conta nesta versión simplificada das regras), e marcar o Eido no que se atopa cada unha das moedas perdidas. A Guía de Eidos está composta por unha serie de táboas, cada unha delas adicada a unha Rexión ou illote e dividida en 4 filas. Estas filas correspóndense aos seguintes resultados da Tirada de Evento : 1 (Moeda ou Pista), 2 (Obxecto), 3 (Planta especial) e 5 (Ser Máxico). Os resultados de 4 (Animal natural) resólvense facendo unha nova tirada e buscando o resultado nas táboas de fauna; e os resultados de 6 (Accidente) requiren dunha nova tirada e a consulta na Táboa de Accidentes e maila Táboa de Dano.

Fila “1/Moeda” 

Esta fila serve para que o Director ou Directora do Xogo (DX) indique se nalgún Eido desa rexión se atopa algunha das moedas perdidas. De ser así, apuntará no espazo en branco máis á dereita en que Eido está. Nos taboleiros nos que hai dúas moedas, indicarase tamén de cal das dúas moedas se trata (por exemplo, m1 ou m2). 

Por exemplo, se o DX quere situar o Dínar de Ouro de Ons (abreviatura: m1) no Eido 151, localizará a táboa “Eidos 142-153 Rexión de Con Grande”, que é a que inclúe ese Eido, e na cela da dereita da fila “1/ Moeda” escribirá “Eido 153 m1” (ou simplemente  “e153-m1”). 

Para ir directamente a táboa da Rexión na que se encontra ese Eido, pode ir ao índice que hai ao comezo da Guía de Eidos.

Así, se un PX saca un “1” na Tirada de Evento, e na Guía de Eidos, na táboa correspondente a Rexión na que se atopa, está marcada a presenza dunha moeda, ese PX farase con ela. 

Fila “2/Obxecto” 

Aquí veñen xa indicados os obxectos que acharán os PX que obteñan un resultado de 2 nunha Tirada de Evento en calquera dos Eidos desa Rexión. Cada un dos obxectos recollidos nestas táboas (que nesta versión das regras están limitados a vehículos, armas e armaduras), ten a súa propia ficha na sección “Fichas” nas Follas de Dirección do Xogo, que deberá consultarse para coñecer as características dese obxecto. Nas fichas dalgúns obxectos indícase que só poden aparecer unha vez, ou un número limitado de veces. Isto significa que logo de que se teñan consumido esas ocasións, as seguintes veces que o resultado da Tirada de Evento e a Guía de Eidos indiquen que un PX atopa ese obxecto, o DX anunciará que o PX non atopa nada.

En ocasións, nas táboas da Guía de Eidos inclúense xunto ao nome do obxecto expresións como “Eidos costeiros..”, ou “o PX soliño atopa..”; nestes casos, o DX só anunciará o achado do obxecto só cando se dean esas condicións (se o PX está nun Eido que limita co mar, se é un soliño, etc). En caso contrario, dirá que o PX non atopa nada.

Ás veces, a cela á dereita da fila “2/Obxecto” aparece en branco. En principio, isto significa que ningún dos PX atopa nada nese Eido se saca un 2 da Tirada de Evento. Non obstante, de xeito opcional o DX pode escribir nese espazo o elemento que queira, tanto entre os incluídos nas fichas como outros novos creados por el ou ela (ver Engadir novos elementos ao xogo por parte do DX).

Fila “3/Planta especial” 

Se un PX obtén un resultado de 3 na Tirada de Evento, o DX consultará a Guía de Eidos para ver se na Rexión á que pertence o Eido no que está ese PX hai unha planta especial (medicinal ou máxica). Pode darse que este espazo da Guía de Eidos estea en branco, o que significa que o PX non atopa nada. Se aparecen limitacións como “Eidos costeiros”, ou números concretos de Eidos, significa que o PX só encontrará o obxecto se está neses Eidos. 

Cando se listan varios Eidos, os números poden aparecer separados por comas ou por guións. No primeiro caso, faise referencia só aos Eidos escritos. En cambio, os guións representan intervalos de Eidos, é dicir, inclúen tanto os Eidos apuntados como os dos números intermedios. Por exemplo: Eidos 133, 135 fai referencia só aos Eidos 133 e 135, pero Eidos 133-135 inclúe tamén o Eido 134.

Fila “5/Ser máxico” 

Nestas filas veñen apuntados os animais máxicos, monstros, PNX e SDI que atopará un PX que, estando nesa Rexión (ou nese Eido, se se especifican Eidos concretos) saque 5 nunha Tirada de Evento. Como acontece cos obxectos e as plantas, en moitos casos o espazo pode esar baleiro, o que significa que o PX non atopará nada.

Preparar a Guía de Eidos

Antes do inicio da partida, o DX debe marcar na Guía de Eidos a ubicación da moeda ou moedas que os PX deben atopar. A Guía de Eidos poden encherse de xeito dixital e visualizarse durante a partida no móbil, tablet ou ordenador portátil. Tamén se pode imprimir e apuntar a localización das moedas a lápiz. En todo caso, a Guía de Eidos debe permanecer oculta aos PX en todo momento.

Galego