III- Mecánica do xogo

Métodos de curación das feridas

Se unha criatura non recebe tratamento para as súas feridas, estas non curarán no tempo dunha partida. As únicas opcións que ten un personaxe ou animal de se restablecer antes de que remate a sesión de xogo, son as seguintes:

♦   Viaxar ou ser transportado ata un Lar do seu pobo (ou dun PX amistoso, se se xoga de xeito colaborativo), onde se asume que a comunidade residente ten plantas medicinais para curar todo tipo de feridas. Neste caso, aplicaranse os tempos de curación estándar, salvo se o PX (ou o PX que o acompaña) leva consigo plantas especiais cunha capacidade curativa superior aos tempos estándar.

♦   Empregar unha planta medicinal que teña atopado el mesmo (salvo se sofre unha Ferida Mortal, que non as pode tratar o propio PX que as padece) ou outro PX que chegue ao seu carón (ou que envíe un animal aliado con esa planta ata o PX ferido). As plantas medicinais son a clase máis común de plantas especiais. Hai distintas plantas medicinais (tanto terrestres como algas), cada unha das cales ten a súa propia capacidade curativa (ou sexa: que tipo de feridas pode curar e en cantas roldas). Estas propiedades veñen indicadas na ficha de cada especie de planta.

Mentres un personaxe ou animal está sendo atendido, non pode facer Tirada de Movemento nin realizar ningunha outra acción, salvo as Tiradas de Evento (con certas limitacións) no caso dos PX. Se un PX se atopa nun Lar do seu pobo ou dunha especie amistosa, tampouco fará Tirada de Evento.

Galego