III- Mecánica do xogo

Tirada de Movemento Errante por Mar

O Movemento Errante por Mar dáse cando a corrente, as ondas ou a resaca arrastran a un PX de xeito que este non pode controlar en que dirección se move. Este tipo de movemento ten o seu propio tipo de tirada, que substitúe á  Tirada de Movemento normal . Ao contrario desta, porén, a Tirada de Movemento Errante é obrigatoria. 

Un PX en situación de Movemento Errante por Mar corre o risco de afogar, exhausto polo esforzo de intentar vencer a forza do mar. Se está nun Eido de Costa perigosa, as ondas o poden guindar contra as rochas. Doutra banda, se ten sorte, pode darse que logre recuperar o control do seu desprazamento a nado, ou ben, se está nun Eido de Costa tranquila, talvez as correntes o deixen indemne en terra.

Algúns PX entran en Movemento Errante como consecuencia dun resultado de Accidente nunha Tirada de Evento mentres nadan ou navegan. Os PX máis pequenos, coma os minúsculos oestrimios e a xente cativa, fican a mercé das ondas nada máis caer a auga, pois o seu pequeno tamaño lles impide superar incluso as máis tenues correntes mariñas.

Nas Tiradas de Movemento Errante por Mar aplícanse as seguintes regras:

♦   Resultado de 1: o PX recupera a capacidade de controlar o seu desprazamento a nado ou de pilotar o seu bote. Os PX que non teñen de seu a capacidade de controlar o seu movemento a nado -a xente cativa e os oestrimios- ficarán no Eido no que están, salvo se van a bordo dunha embarcación.

♦   Resultado de 2-3: O PX ou embarcación permanece no Eido no que está.

♦   Resultado de 4: o mar leva ao PX ou embarcación ao Eido adxacente que teña a numeración máis baixa. Se este é un Eido de terra, acontece o seguinte: 

–   Se o Eido de mar no que está é de Costa tranquila, o PX consegue saír do mar sen danos. Se vai sobre unha embarcación, esta arriba á costa, onde fica á súa disposición.

–   Se o Eido de mar no que está é de Costa perigosa, o PX perde a súa embarcación e sofre o mesmo tipo de accidente que se estivese nadando nese Eido de Costa Perigosa (ver Resultado na Tirada de Evento de “Accidente”).

♦   Resultado de 5: o mar leva ao PX ou barca ao Eido adxacente que teña o número máis alto. Se este é un Illote, aplícase a mesma regra que para o Resultado de 4 cando o PX é empuxado a un Eido de terra.

♦   Resultado de 6:

– Se o PX vai a nado, afoga.

– Se vai sobre unha embarcación, cae á auga, perde o bote e a partir da seguinte quenda seguirá en situación de Movemento Errante por Mar a nado.

Rescate dun PX en situación de Movemento Errante por mar

Un PX en situación de Movemento Errante por mar pode ser rescatado por outro PX ou por un animal aliado. Tamén pode ser que o PX que se atopa á deriva atope un animal no mar e consiga convertelo no seu aliado a través dunha Tirada de Comunicación. O PX ou animal que actúa de rescatador debe ter un valor de CT (Categoría de Tamaño) igual ou maior ao do PX rescatado, para poder arrastralo (ver PX que carga con outro PX)

Galego